O alcalde de Vilagarcía busca un acordo cos comuneiros para crear un novo aparcadoiro no hospital
Por Redacción
O alcalde de Vilagracía, Tomá Fole, citou o próximo xoves representantes da Comunidade de Montes de Rubiáns coa idea de buscar unha solución ao problema de aparcadoiro nos arredores do Hospital do Salnés.
As inminentes obras de ampliación do centro hospitalario inutilizarán boa parte dos estacionamentos existentes na actualidade, o que supón un problema de gran calado para os usuarios.
Por ese motivo Fole ten previsto negociar cos comuneiros, propietarios dos terreos situados entre o hospital e a estrada de acceso ao porto e que se sitúan como principal opción para habilitar un novo aparcadoiro, aínda que existen outras posibilidades.
O principal problema, segundo o goberno local de Vilagarcía, é que a Mancomunidade do Salnés xa desembolsou 170.000 euros para facerse cos terreos da ampliación e os concellos que compoñen este organismo non son partidarios de achegar máis diñeiro. Por ese motivo intentarán que a Xunta de Galicia se faga cargo dos gastos.
As obras de mellora no Hospital do Salnés contan cun presuposto de 9,7 millóns de euros, un prazo de execución de dous anos e permitirán ampliar a área de urxencias e crear cinco novos quirófanos, ademais doutras melloras de menor calado.