Alcoholemias a ritmo de récord na Festa da Auga
Por Natalia Puga
A Festa da Auga de Vilagarcía deixou cifras récord de asistencia este 2014 e tamén de condutores detectados conducindo baixo os efectos do alcohol. A Garda Civil de Tráfico detectou 99 alcoholemias positivas en pouco máis de 12 horas na zona, unha cifra sen precedentes en Galicia.
Fontes da Garda Civil confirmaron que, ata agora, nunca se detectaran na estradas galegas tantos positivos nun período tan curto de tempo nun mesmo lugar. Aconteceu este sábado 16 de agosto entre as 7.30 horas da mañá e as 20.00 horas da tarde nos arredores de Vilagarcía.
88 condutores foron denunciados pola vía administrativa e once derivados ao Xulgado por un delito contra a seguridade vial
O dispositivo centrouse en todas as vías de circulación que rodean Vilagarcía, tanto nas estradas principais de entrada e saída coma nas rutas secundarias. Para iso, utilizáronse ao mesmo tempo cinco vehículos camuflados co obxectivo de detectar os condutores de vehículos que intentaban eludir os controis avanzados de alcoholemia.
Axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra estableceron un operativo de vixilancia do consumo de alcohol ao volante que estivo activo durante as horas centrais das celebracións. En Vilagarcía, con motivo da Festa da Auga, adoita haber unha grande afluencia de público na noite previa e durante todo o día, ata últimas horas da tarde.
Con motivo deste operativo especial, a Garda Civil someteu á proba de alcoholemia a 1.767 condutores, dos que 99 deron un resultado positivo. 88 foron denunciados pola vía administrativa por unha infracción e once foron derivados ao xulgado por un delito contra a seguridade vial. Serán sometidos aos conseguintes xuízos rápidos por superar todos eles unha taxa de alcohol de 0,60 miligramos por litro de aire expirado.
Ademais, os axentes de Tráfico denunciaron a dous condutores que deron postivo no test de consumo de droga ao volante.