Andaina para dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico e etnográfico do Monte Pituco
Por Redacción
Dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico e etnográfico do Monte Pituco e a riqueza medioambiental e paisaxística desta contorna, incluida no Espazo Natural dos Montes do Morrazo. ÿ o obxectivo co que o vindeiro domingo 24 de agosto a asociación Monte Pituco organiza unha ruta a pé pola zona.
A andaina partirá ás 10.30 horas da arboreda situada no acceso ao propio monte, no cruce da estrada provincial EP-0019 Marín-Figueirido coa pista do Regueiriño, e terá tres horas de duración e un nivel de dificultade asequible.
O percorrido pasará polos petróglifos catalogados de Pornedo e Sete Camiños, polas mámoas de Sete Camiños e Catadoiro e pola zona onde se ubican algúns gravados realizados no século pasado polo marinense Pepito Meijón (1899-1980). Antigas canteiras, o patrimonio inmaterial con microtopónimos e lendas e as referencias á fauna e á flora autóctonas serán outros dos atractivos da camiñada.
A Asociación Monte Pituco reivindica a protección e a conservación destes bens, ameazados principalmente polo proxecto de construcción dun polígono industrial contra o que este colectivo presentou senllos recursos contra o Concello de Marín e a Xunta de Galicia.
Seguindo o exemplo de comunidades de montes próximas, como Salcedo, Mougás, Combarro ou Santa Cristina da Ramallosa, que veñen apostando pola recuperación do seu patrimonio, a Asociación Monte Pituco procura -coa organización deste roteiro- sensibilizar a veciñanza sobre a importancia de preservar esta herdanza milenaria para que repercuta no reforzo da identidade colectiva e poida xerar riqueza para a parroquia, dende o punto de vista da creación de emprego vencellada ao aproveitamento sostible dos recursos forestais e á posta en valor dos elementos de interese histórico, cultural e turístico.
Relacionadas:
-
Vilaboa recuperará un tramo do Camiño Real do Morrazo no barrio de Santradán
Por Redacción |
-
Percorrido polo Monte Pituco de Marín para evitar a construción dun polígono industrial
Por Redacción |
-
Save The Salamanders inicia unha campaña contra o polígono de Monte Pituco para salvar a Saramaganta rabilonga
Por Redacción |