Sen avisos pola presenza de niños de avespa asiática en Cuntis
Por Redacción
No Concello de Cuntis, onde esta semana morreu unha octoxenaria tras sufrir abundantes picaduras de avespa, non hai constancia de ningún aviso pola presenza de avespa asiática, unha especie que está a causar alerta nos últimos meses pola súa espansión en Galicia. En Cuntis todo parece indicar que a falecida puido ser vítima de problemas de corazón previos e da abundantes picaduras de avespa común, pero sen vínculo coas coñecidas como avespas asasinas.
Dende a Xunta de Galicia sinalan que a día de hoxe non se rexistrou ningún aviso dende este concello por posible presenza de niños desta avespa velutina ou asiática. Engaden, ademais, en relación aos avisos recibidos dende outras localidades, que en boa parte deles finalmente non se confirma que se trate desta especie. Atribúeno á dificultade para distinguir esta avespa.
A Administración autonómica sinala a través dun comunicado que a avespa asiática non ten efectos nocivos para a saúde pública, máis aló dos que poden provocar as avespas comúns. Esta especie, que procede de Asia e está catalogada na relación existente de especies invasoras, afecta ás abellas e ao medio ambiente polos grandes niños que constrúe.
Ante esta situación, a Xunta elaborou un protocolo de actuación que se está a desenvolver con éxito e que ten como obxectivo evitar que a avespa velutina afecte ás abellas. Coordinado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, participan no protocolo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a dirección xeral de Emerxencias e Interior e personal dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, de Protección Civil e os Bombeiros de cada concello. Ademais a Administración está en contacto co sector apicultor a través das asociacións de apicultores.
Grazas á aplicación do protocolo, coas trampas instaladas, capturáronse case 3.000 exemplares e retiráronse 139 niños desta especie dos 270 avisos recibidos, xa que boa parte dos avisos non responden a avespa velutina.