Un Día da Galiza Mártir para "pararlle os pés a un PP herdeiro do franquismo"
Por Redacción
Este domingo 17 de agosto a Fundación Alexandre Bóveda e o BNG volven conmemorar o Día da Galiza Mártir cos habituais actos na Caeira e na praza de Curros Enríquez. Nesta ocasión, o partido nacionalista márcase como obxectivo "pararlle os pés a un PP herdeiro do franquismo".
O día comezará co acto civico organizado ás 13.00 horas ante o monumento de Alexandre Bóveda situado na Caeira (Poio), no lugar no que foi fusilado ese mesmo día no ano 1936 durante a Guerra Civil. Está confirmada a intervención da concelleira de Cultura de Poio, Silvia Díaz; a representante da Asociación Memoria Histórica de Marín e de Iniciativa Galega pola Memoria Enriqueta Otero; o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella; a vicepresidenta da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda; e o alcalde de Poio, Luciano Sobral.
Xa pola tarde, o BNG organiza un acto político ás 20.00 horas na praza de Curros Enríquez de Pontevedra coa presenza de Eva Villaverde, membro da executiva nacional do BNG, e de Luís Bará, concelleiro nacionalista en Pontevedra. Será ao pé da escultura a Alexandre Bóveda, e lembrará as súas derradeiras palabras perante aqueles que o condenaron a morte por "traizón á patria.
Dende o BNG animan a todos os galegos a acudir ao acto de conmemoración en Pontevedra, convocado "para pararlle os pés ao Partido Popular, que, neste momento, trata de rehabilitar a herdanza franquista sen ningún tipo de Galiza" e para honrar os milleiros de galegos que, como Bóveda, foron represaliados por facerlle fronte aos franquistas.
"Cómpre recuperar a nosa historia roubada, para proxectar no presente o heroísmo, a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións, que foron asasinadas e represaliadas pola liberdade da nosa nación", sinalan dende o BNG.
Os concellos de Poio e Pontevedra figuran entre os municipios galegos que pediron por acordo do Pleno da Corporación que a Xunta declare e institúa oficialmente como Día da Galiza Mártir o 17 de agosto en memoria de todos os cidadáns que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defender as liberdades e dereitos democráticos do pobo galego. Ademais solicitan que se revise o proceso e a condena a morte ditada contra Alexandre Bóveda en 1936 e que se rehabilite a figura do galeguista.
Relacionadas:
-
O neto de Bóveda aplaude a "valentía" de Ángel Moldes no apoio do PP de Poio ao fusilado
Por Natalia Puga |
-
O BNG pide restituír os políticos e funcionarios represaliados tras o levantamento militar de 1936
Por Alejandro Espiño |
-
Homenaxe a Alexandre Bóveda coa mirada posta en poder celebrar o 'Día dos Mártires Galegos'
Por Natalia Puga |
-
Poio volverá homenaxear a Alexandre Bóveda reclamando a institución oficial do Día de Galiza Mártir
Por Redacción |
-
Pontevedra, quinto concello que pide institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir
Por Alejandro Espiño |