Os corsarios abordan a Alameda de Marín en son de festa
Por Redacción
Preto dun millar de comensais e centos de visitantes gozarán ata o próximo domingo 17 da Festa Corsaria nos arredores da Alameda de Marín trasladándose ata finais do século XVIII e principios do XIX.
Na primeira xornada deste venres 15 abríronse os máis de 20 postos de venda de produtos artesanais e gastronómicos no recinto da Alameda cunha importante presenza de público. Numerosos nenos participaron das distintas actividades previstas para o seu desfrute como o tiro con bésta, a escalada ou o tío vivo con barcos.
Ao mesmo tempo desenvolvéronse xogos medievais e corsarios subidos a zancos practicaban malabar con grandes coitelos. Ao longo destas xornadas van celebrarse comidas de colectivos con disfraces de época en distintos puntos da contorna da Alameda.
Dende o Concello alertan de que, durante estes tres días, permanecerá pechado ao tráfico o tramo da rúa Jaime Janer que transcorre dende a Alameda ata o cruzamento, ademais doutro tramo entre as rúas Almuiña e Lameira.