O modelo urbano esténdese a Estribela
Por Natalia Puga
O modelo urbano de xestión do tráfico que se aplica na zona urbana de Pontevedra e que nos últimos meses empezou a importarse ás parroquias estenderase tamén ao barrio de Estribela. Será a través de proxecto que está a redactar o Goberno local para derrubar a pasarela peonil instalada na praza Marqués de Valterra e reorganizar o ámbito con medidas de calmado do tráfico e mellora da seguridade vial.
O proxecto aínda non ten prazos de execución nin presuposto definitivo porque esta pendente da súa redacción definitiva. O Concello quere consultar os detalles cos veciños e este mércores convocou ás 19.00 horas un Consello Parroquial Extraordinario para recoller as súas suxestións e achegas e, desta forma, incorporalas ao documento que se está a redactar.
Si se definiron os criterios básicos que van aplicarse na actuación e pasan por derrubar a pasarela porque segundo o concelleiro de Parroquias, Demetrio Gómez, está moi deteriorada polo paso do tempo e "non se pode utilizar" e ademais, cando estaba en boas condicións, tiña pouco uso. Está situada sobre a avenida de Marín.
Ao respecto, o concelleiro explicou que a demolición da estrutura custa ao redor de 15.000 euros e por pouco diñeiro máis podería repararse, pero non se decantaron por esa opción porque a pasarela "é ao revés de todo o que facemos en Pontevedra" en canto á xestión do tráfico, en tanto que supón "deixar os coches correr ao lado dun parque infantil" mentres os peóns teñen que circular por outra vía elevada.
Derrubando a pasarela e reorganizando o tráfico pretenden que Estribela "se achegue" máis á cidade e se poña en valor unha zona que é tamén casco histórico de Pontevedra como barrio mariñeiro. Para iso, instalaranse entre dous e tres pasos de peóns elevados cos coñecidos como 'lombos' para que os peóns teñan por onde pasar "con acougo" ao tempo que se obriga aos vehículos a respectar o límite de velocidade 30.
A proposta municipal, á que agora os veciños terán que facer achegas, pasa por reordenar os circuítos peonís, mellorar o acceso e a seguridade ao parque infantil de Marqués de Valterra e, a continuación, buscar unha solución para reordenar a circulación pola zona interior da praza porque, se se deixa como está na actualidade, pode ser que algún desaprensivo pase pola vía interior" para evitar os novos cambios na vía principal. Se non se adopta ningunha medida poderíase xerar a situación de que "pasen a toda velocidade e maten un neno".
Relacionadas:
-
A instalación de 'lombos' en Estribela provocará restricións de tráfico o martes
Por Redacción |
-
Onde se anunciarán agora as vodas?
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O xoves pola noite comeza a desmontarse a pasarela peonil de Estribela
Por Redacción |
-
Conta atrás para a retirada da pasarela peonil de Estribela e o "cambio de cara" de Marqués de Valterra
Por Alejandro Espiño |
-
Louro lamenta o retraso e a escaseza das axudas á rehabilitación no Centro Histórico
Por Redacción |
-
Alertan da perigosidade do estado actual da pasarela peonil de Estribela
Por Redacción |