Aumenta a demanda entre os universitarios para formar parte da Casa Inglesa
Por Redacción
Once alumnos do campus de Pontevedra participarán da Casa Inglesa durante o próximo curso académico, unha iniciativa que propón o Vicerrectorado do campus por terceiro ano consecutivo. Esta proposta busca que os estudantes poidan mellorar o seu nivel de inglés a través dunha convivencia titorizada cunha persoa nativa dun país anglosaxón.
A demanda de prazas incrementouse durante este curso, despois das catro que foron cubertas en 2013, e iso levou consigo a ampliación das dimensións da Casa Inglesa dun único piso a tres vivendas de aluguer a un prezo accesible no que o inglés será a lingua oficial.
Este martes 12, o vicereitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, visitou xunto á coordinadora da Casa Inglesa, Teresa González, os dous novos pisos que se incorporan a esta iniciativa. Corbacho mostrouse satifescho pola demanda para este curso xa que dez dos once futuros inquilinos da Casa Inglesa vivirán a súa primeira experiencia neste programa.
Segundo manifestou o vicereitor ao DUVI, a convivencia con persoas doutros países "non só permite aprender un idioma, senón que fomenta tamén un intercambio cultural que pode resultar moi valioso".