Prohiben unha festa 'house' en Vilagarcía prevista para o día 15 e que carecía de permiso
Por Redacción
Despois de ter coñecemento polas redes sociais da organización dunha festa 'house' na madrugada previa da Festa da Auga, o Concello de Vilagarcía procedeu a comunicar aos promotores a prohibición de levala a cabo.
Segundo explica o goberno local a festa, que tiña previsto celebrarse na explanada do TIR, estaba organizada polos familiares dunha bocatería ambulante e dunha das atraccións da feira sen solicitar permiso ningún ás autoridades municipais.
Tampouco contaba con permiso do Porto, polo que se advertiu aos responsables de que en caso de non acatar a prohibición se adoptarán medidas sancionadoras e se impedirá aos feirantes volver instalar postos en Vilagarcía.
A festa en cuestión anunciaba a actuación dun DJ e a venda de comida durante toda a madrugada, a noite do 15 ao 16 de agosto.