Nova unidade de día no Centro de Dano Cerebral e Neurociencias do Grupo Hospitais Domínguez
Por Redacción
O Grupo Hospitais Miguel Domínguez inaugurou unha nova e moderna unidade de día no seu Centro de Dano Cerebral e Neurociencias de Poio destinada a atender a todos aqueles pacientes con algún tipo de DCA (Dano Cerebral Adquirido) que necesiten tratamento ambulatorio para mellorar aquelas capacidades necesarias para o desenvolvemento das súas tarefas cotiás.
O equipo médico e terapéutico do hospital deseñou un completo programa de talleres que abrangue diferentes aspectos que afectan á vida diaria destas persoas con DCA, todos eles orientados a facilitar o incremento da autonomía e a mellora da súa calidade de vida.
Co obxectivo de "adestrar" estes pacientes mediante diferentes actividades para avanzar na súa integración sociocomunitaria, o centro conta con diferentes alternativas de talleres: Cognitivo e Social, nos que se promove a adquisición, perfeccionamento e mantemento de habilidades sociais (orientación, memoria, funcións executivas...); Autonomía persoal, orientados á integración na comunidade (xestión do fogar e da economía, axudas técnicas, transporte público e hábitos saudables); Ocupacional, destinados á aprendizaxe de novas técnicas e destrezas, como as tecnolóxicas, coas que reforzan os seus coñecementos de escritura e informática (correo electrónico, redes sociais, buscas en Internet...), as dirixidas ao ocio ou tempo libre, e as de traballos manuais; e Perfeccionamento motor, con sesións de adestramento físico (exercicios de equilibrio, coordinación, destreza e perfección, actividade física, Pilates adaptado, e Streching e relaxación). Este último taller é un dos que conta con máis demanda.
Os seminarios distribúense en ciclos trimestrais con sesións de 60 minutos. Ao final de cada período emítese un informe clínico da evolución de cada paciente e, ao concluír o ciclo anual, unha avaliación final dos obxectivos conseguidos. Coa posta en funcionamento desta nova unidade de día no centro hospitalario de Poio, o Centro de Dano Cerebral e Neurociencias reforza o seu posicionamento no tratamento do Dano Cerebral Adquirido en España, xa que tamén conta coa única unidade hospitalaria de neurorrehabilitación en Galicia e co único robot Lokomat adaptado ao uso pediátrico no noroeste do país.