Denuncian listas de espera de máis dunha semana para o médico de cabeceira
Por Redacción
As listas de espera nos centros de atención primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estanse disparando este verán con retrasos de máis dunha semana para unha consulta co médico de cabeceira e para as analíticas e CIG-Saúde denuncia que é consecuencia de non substituír aos profesionais durante as vacacións.
Segundo denuncia o sindicato, moitos pacientes que precisaban un seguimento personalizado agora teñen que ser atendidos por diferentes facultativos, ocasionando trastornos importantes no seu tratamento. Ademais, a CIG sinala que os profesionais están a soportar unha sobrecarga de traballo ao ter que cubrir o cupo dos compañeiros de vacacións, véndose obrigados, en moitos casos, a prolongar a súa xornada laboral.
A isto habería que engadir, segundo o sindicato, que o traballo increméntase neste período en moitos centros de saúde, sobre todo naqueles centros situados nas zonas de costa a raíz do aumento da poboación.
Como exemplos, indican que o centro de saúde de Tenorio (Cotobade) permanece aberto para a atención médica en horario normal de 8.00 a 15.00 horas e non ten médico contratado para a substitución durante tres das sete horas de asistencia a que ten dereito a poboación.
No Centro de Saúde de Anafáns (Poio), aseguran que a situación está "desbordada", pois xa ten instalacións "precarias" e ten que "soportar a presión dunha poboación en aumento constante" que se ve agravada co recorte de facultativos no período de verán. En Cuntis as demoras son "unha práctica común xa dende hai tempo" e en Caldas, Vilagarcía, Cambados e Portas as listas de espera son "elevadas".
Relacionadas:
-
CIG-Saúde denuncia que as esperas no Centro de Saúde de Anafáns "están a superar os doce días"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Sergas estuda a ampliación do centro de saúde de Anafáns
Por Redacción |
-
CIG Saúde denuncia a privatización dun novo servizo na Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés
Por Redacción |
-
Protesta de SOS Sanidade no Hospital contra o peche de camas durante o verán
Por Redacción |
-
Deitados para protestar contra o peche de 200 camas nos hospitais pontevedreses no verán
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |