Acusan á alcaldesa de Moraña de incumprir un acordo plenario para compensar a paga extra aos funcionarios
Por Redacción
O BNG de Moraña acusa á alcaldesa, María Luisa Piñeiro, de "violar de forma manifesta e reiterada" os acordos adoptados polo pleno da corporación municipal. Especialmente en relación a un deses últimos acordos. Aseguran que se aprobou unha moción para compensar a perda adquisitiva dos funcionarios municipais, tras a retirada da paga extra de Nadal por parte do goberno central.
Os nacionalistas recordan que desde o pasado 3 de agosto "estamos á espera de que se nos achegue un informe xurídico das posibilidades de facer dita compensación". Denuncian que a pesar de que este informe aínda non existe, a alcaldesa, que goberna en minoría, "xa manifestou abertamente no último pleno que non ía cumprir ese acordo".
"Con esta actitude a alcaldesa non só manifesta unha intolerante submisión ao PP e ao seu valedor, o sr. Rafael Louzán, senón que ningunea aos veciños e veciñas de Moraña e aos seus representantes públicos, nun desprezo absoluto ao que significa democracia", denuncian desde o BNG, quen cre que esta "actitude autoritaria e antidemocrática da alcaldesa fai que sexa unha persoa indigna para representar ao noso concello e presidir unha corporación democrática".
Aseguran desde o BNG que "sabemos que ao PP pouco ou nada lle importa Moraña, nin o benestar dos seus veciños e veciñas, nin os dereitos dos traballadores e traballadoras, nin ou futuro da economía local", pero destacan que "aos que si nos importa, estamos na obriga de defender todas aquelas medidas que poidan incentivar a economía do concello".