Catro persoas a xuízo por reter na súa casa un secuestrado reincidente
Por Redacción
Catro individuos sentaranse este xoves no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra acusados dun delito de detención ilegal e outro de intento de roubo con intimidación por reter á forza na súa casa a un veciño da Estrada que, curiosamente, xa fora víctima doutro secuestro con anterioridade.
Os feitos remóntanse ao ano 2003. Os catro acusados alugaron dous coches en Barcelona e "de común acordo e coa finalidade de obter un beneficio patrimonial" compareceron na casa da súa vítima, na Estrada.
Ían armados con polo menos dúas pistolas semiautomáticas de alarma que non disparaban munición real, pero si tiñan aparencia de ser verdadeiras. Baixaron do coche e intimidaron o morador da vivenda, obrigárono a entrar na casa e esixíronlle que lle entregase as escrituras de propiedade do terreo.
Cando a suposta vítimas lles comunicou que non tiña as escrituras, esixíronlle a entrega de 9.000 euros, "dicíndolle que os consiga como queira e que se non o facía lle darían un tiro na cabeza".
O retido díxolles que chamaría a un empresario amigo seu para pedirlle o diñeiro e, en realidade chamou un axente da Garda Civil "a quen coñecía por intervir nun secuestro do que fora obxecto con anterioridade". Na conversación fixo referencia a que "era un asunto como o de Sevilla", en alusión ao anterior secuestro, de forma que o garda se deu por aludido e deu alerta os seus superiores.
Os axentes estableceron un dispositivo policial para proceder á detención dos secuestradores, que finalizou coa detención dos catro acusados nas proximidades da casa da suposta vítima. Durante as polo menos tres horas en que estiveron na vivenda fixeron "uso intimidatorio das armas que portaban, impedindo abandonar a parte traseira da casa".