Preocupación entre os empresarios pontevedreses pola prohibición de exportar produtos a Rusia
Por Redacción
O decreto polo que Rusia prohibe a importación de produtos agrícolas, materias primas e alimentos de Estados Unidos, a Unión Europea, Canadá e Noruega xera preocupación entre os empresarios pontevedreses ante a existencia na provincia de numerosas empresas que se dedican a exportar peixe, produtos agrícolas ou carne ao territorio agora vetado.
O presidente da Confederación de Empresarios da Provincia (CEP), Luis Novoa Díaz, fíxose eco desa preocupación este venres durante unha visita de traballo á Deputación Provincial na que sinalou que a situación que entrou en vigor o xoves é un "problema" para os empresarios porque "non vivimos nunha illa, vivimos nun mundo global e calquera cousa que aconteza nese mundo nos afecta".
A pesar de contratempos coma este, o presidente da CEP indicou que "a economía estase recuperando". Non se basea en estatísticas, senón nos datos que manexan os propios empresarios e o mellor exemplo desa recuperación é que e as empresas "xa comezamos a contratar".
Esa recuperación está a facerse "timidamente" porque as crises "veñen moi rápido, pero as recuperaións son moi lentas", pero xa se notou nas contratacións nas pequenas e medianas empresas e en sectores como a industria, a construción e, sobre todo, os servizos.
Luis Novoa mantivo unha reunión co presidente da Deputación, Rafael Louzán, na que analizaron a colaboración entre a CEP e a institución provincial para poñer en marcha unha misión comercial ao exterior, co obxectivo de promover a internacionalización da economía da provincia.
Louzán destacou o éxito de anteriores misións comerciais nas que xa colaborou a Deputación e amosou a súa plena disposición a retomar esta cooperación para poñer en marcha unha nova busca de novas oportunidades no exterior. Esta misión comercial, de carácter multisectorial e na que participarían unha trintena de empresarios, sería no último trimestre do ano e nestes momentos a CEP baralla diversos países do mundo como destino posible para que os distintos sectores produtivos da provincia poidan establecer negocio.