Carme da Silva: "Antes as festas eran a procesión, os touros e o baile do casino. Agora todos poden gozar delas"
En apenas 24 horas darán comezo as Festas da Peregrina. A cidade vestirá as súas mellores galas para celebrar a súa semana grande. Serán nove días cheos de actividades lúdicas e culturais e para os que se leva traballando intensamente desde hai moito tempo. "Agardo que a xente siga gozando das festas como ata agora", sinala Carme da Silva, que recorda que "levamos xa máis dun mes de actividade intensa".
Pero ela mesmo recoñece que esta semana é especial. A concelleira de Festas sinala que "agora a cidade é a protagonista e todos poden gozar delas como queira". De aí que se poña sempre un mimo especial nestas datas, "porque ten que haber para todos os gustos e para todo tipo de público". E sendo conscientes, destaca, "do que significa para a economía de Pontevedra o movemento que hai arredor de toda a programación de verán".
Leva moito traballo programar unhas festas como as de Pontevedra?
Son dous meses de programación, pero empezamos a traballar cando rematan as anteriores. Trala Feira Franca descansamos en setembro, pero a partir de outubro comezamos a traballar para o ano seguinte, porque hai que casar moitas cousas e aquilatar ata o último céntimo de euro. A única maneira de facelo é programar con moitos meses de antelación.
Os traballadores do servizo de Festas fan un traballo extraordinario e lle dedican moitas horas durante o ano. E agora tamén hai moito que facer: que todo empece cando ten que empezar, resolver pequenos problemas sobre a marcha... ÿ satisfactorio ver que a xente goza e se anima a vir chamada pola programación e pola propia cidade que ten un atractivo importante.
Cales son os criterios que vos marcades ao empezar a preparar a programación?
Hai patas que son fixas. O Festival de Jazz, as Festas da Peregrina, a Feira Franca... Unha vez que iso ten datas, empezamos a traballar na programación, contactando coas asociacións e colectivos que traballan en colaboración con nós en moitas das actividades. A partir de aí dentro do orzamento que temos, hai que ver o que se pode contratar e encaixar distinto tipos de concertos porque ten que haber para todos os gustos e todo tipo de xente. Algunhas actividades poden ter un carácter máis específico como o Memorial Ricardo Portela, pero noutras hai que ter variedade, como as propias Festas da Peregrina.
"Se alguén pensa que programar concertos de pago nas festas é rendible, hai un montón de iniciativas privadas que poden facer este traballo"
ÿ complicado casar todos eses gustos?
Claro que é complicado. E sobre todo porque os orzamentos son reducidos. Se tivésemos un máis elevado sería máis fácil facelo. Ao mellor resulta que hai un concerto que pode ser moi interesante traer pero faría que saltasen todos os demais. Hai que ir xogando coas posibilidades. E despois de resolver o sudoku, hai que intentar que quede o mellor posible.
Hai algo que quixerades traer ou organizar e non foi posible por iso que comentas?
Si. Hai moitos grupos, por exemplo, que poderíamos traer, pero non estamos dispostos a pagar determinado tipos de cachés que nos parecen que non son razoables. E logo outros que só aceptan concertos de pago e polo tanto tampouco poden vir.
Os concertos de pago seguen estando vetados nas festas?
Ás festas teñen que poder ir toda a xente que queira, independentemente da súa situación económica. Se nós programásemos concertos deste tipo estaríamos limitando o acceso da xente. Se alguén pensa que programar concertos de pago en Pontevedra é rendible, hai un montón de iniciativas privadas que poden facer este traballo. Temos que facelo de forma que todo o mundo poida gozar das festas.
Hai xente que cre que, no medio de toda a programación de verán, as Festas da Peregrina non teñen o realce que merecen e están diluídas...
Eu creo que é unha opinión que non é nin moito menos maioritaria en Pontevedra, senón todo o contrario. Cando nós chegamos á alcaldía no ano 99, as festas consistían na procesión, que é un acto relixioso non organizado polo concello, os touros e o baile do casino. E o resto das festas estaba no Burgo, no recinto feiral. En Pontevedra non é que estivesen diluídas, eran inexistentes. As semana da Peregrina andabas por Pontevedra e non había nada.
"En Pontevedra non é que as festas estivesen diluídas, eran inexistentes. As semana da Peregrina andabas por Pontevedra e non había nada"
Tomamos unha decisión que no seu momento foi polémica e que nós tíñamos clarísima que era devolver a Pontevedra as súas festas. O primeiro que fixemos foi trasladalas para o centro novamente e que o pregón fose aberto a todo o público. Era dentro do Teatro Principal e asistíase con convite. Había xente que pensaba que as festas eran súas, porque eles as organizaban. Era como se a festa molestase na cidade ou como se as persoas que van as festas e non asisten a outros eventos dos que falaban antes, molestasen.
Agora a cidade é a protagonista das festas e todos poden gozar delas como queiran. Se se di que se dilúen porque agora se programan dous meses intensos e as festas son unha semana, podo aceptalo. Antes non había unha programación tan ampla. E non será un problema que teñamos moita xente na Peregrina e moita xente na Feira Franca, senón todo o contrario. Non hai máis que pasear pola rúa na semana da Peregrina e recordar o que pasaba hai quince anos. Non hai tanto tempo. E a diferenza é enorme.
E que papel lle vedes aos touros?
Hai moitos anos que existe o debate sobre as touradas na sociedade e cada vez hai máis xente que se posiciona en contra. Isto revivece cada vez que hai un espectáculo deste tipo. As novas xeracións si que están máis claramente en contra dos touros, porque a educación é diferente e teñen unha forma diferente de ver as festas e as actividades que están xustificadas e as que non. Non entenden que para divertirse haxa que maltratar un animal ata matalo. Eu respecto profundamente a xente á que lle gustan os touros, pero unha cousa é iso e outra que estea de acordo con que haxa touradas ou que vaia a participar nelas.
Maior consenso hai sobre a Feira Franca. Botando a vista atrás, pensabades que ía a acadar tal repercusión?
Hai que recoñecer que o mérito basicamente é de Luis Bará, que como concelleiro de Festas propuxo creala. Foi nun primeiro mandato no que se tomaron decisións moi importantes para o desenvolvemento posterior das festas. As cousas teñen que facerse con cariño e pouco a pouco. Non ten nada que ver a afluencia da xente hoxe que hai quince anos. Pero cando tes confianza de como vas a facer o traballo e que a xente de Pontevedra vai responder e participar moi ben é todo máis doado.
Hai perigo de que morra de éxito?
"Se ampliásemos os espazos da Feira Franca acabaríase deteriorando e se amplías os días o deterioro está garantido"
A festa dá o que dá. Por experiencias de outros sitios entendes que manter o nivel de calidade é fundamental para que a festa siga funcionando como funciona. Se amplías os espazos se acaba deteriorando e se amplías os días o deterioro está garantido. Pero o máis importante é que é unha festa que se desenvolve durante o día, da mañá a noite, o que permite que haxa xente de todas as idades divertíndose xuntos. Non segrega por idades. Eu creo que ese é o segredo do seu éxito.
Levas tres anos coa responsabilidade de Festas no goberno municipal. Que balance farías de todo este tempo?
Eu sei que inicialmente cando se anunciou as responsabilidades de goberno, foi raro ou sorprendente que eu fose a levar a concellería de Festas. Se me asociaba con cousas que estivera facendo ata ese momento, saneamento, obras, servizos... pero a min me está resultando enormemente gratificante. Ten unha cousa que non tiñan as áreas que levaba antes, que é o contacto coa xente. Case todo o que programamos faise con colectivos que están dedicando unha parte do seu tempo libre a organizar actividades para que gocemos os demais. Demostran terlle moito cariño ao barrio e a cidade. ÿ unha marabilla traballar con eles.
E se tiveras que escoller algo ao que lle teñas un cariño especial?
ÿ difícil. Unha cousa é cando ti gozas das festas en función dos teus gustos. Vas aos concertos que te gustan, te pode gustar a Feira Franca pola mañá e non pola tarde... Cando estás metido desde dentro as gozas doutra forma que é vendo como a xente responde, o pasa ben e participa. Non é o mesmo. Eu vou a todo o que se organiza en festas. Hai unha forma diferente a como percibes todo que antes cando non tiñas esta responsabilidade.
Non hai nada entón?
Eu non o chamaría un cariño especial, pero si é certo que temos moitas esperanzas depositadas no festival Brinca na Praza, que introducimos o ano pasado. Pretendemos que vaia collendo cada vez máis forza. As limitacións orzamentarias fan que non poidamos tirar del todo o que quixéramos, pero este tipo de festivais teñen que ir pouco a pouco. O de Jazz leva 22 edicións. Empezou no Teucro e foi gañando segundo ía pasando o tempo. Esperamos que con este pase o mesmo.
Relacionadas:
-
Kiko da Silva dá a benvida á Semana Grande de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A música 'made in Pontevedra', orgullosa do éxito da nova edición do ciclo 15 Bolos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O Festival de Jazz tira da canteira: Xan Campos pon o broche de ouro
Por Diego Torrado |
-
Chegan as Festas do Verán: máis de 200 actividades lúdicas e culturais do 5 de xullo ao 6 de setembro
Por Alejandro Espiño |
-
Soziedad Alkoholika, Duncan Dhu, Love of Lesbian, Antonio Orozco ou El Consorcio, nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |