A nova cuberta do tren na Parda converterase en zona verde e espazo deportivo
Por Natalia Puga
A nova cuberta sobre a vía do tren construída na zona da Parda, que dá continuidade á actual pasarela situada no ámbito de Joaquín Costa, converterase nos próximos meses nun grande espazo de ocio. O tenente de alcalde e conceal de Urbanismo, Antón Louro, encargou este mesmo xoves aos enxeñeiros e arquitectos municipais que elaboren un proxecto para acondicionar o ámbito baseándose en dúas ideas básicas: que se converta nun espazo deportivo para nenos e mozos e nunha zona verde para os maiores.
Este novo espazo urbano ten unha superficie de 4.600 metros cadrados de formigón. Antón Louro realizou unha primeira visita á zona unha vez que se deron practicamente por concluídas as obras por parte do Ministerio de Fomento e anunciou que o Concello recuperará a pasarela o próximo mes de setembro, cando rematen as tarefas de impermeabilización. Nese momento, poñerase en marcha a maquinaria para poder acondicionar a zona e, ademais, axeitar as fachadas dos edificios próximos.
Ao respecto, explicou que se acometerá un proxecto para mellorar as medianeiras dos edificios que dan á nova pasarela e que previsiblemente consistirá en crear unha barreira vexetal que non afecte aos veciños e mellore a imaxe da zona. A previsión municipal é que o proxecto para actuar nas fachadas e na rúa supoña un investimento de entre 500.000 e 600.000 euros e poida estar iniciado a finais deste ano e sexa unha realidade ao longo do ano 2015.
A actuación prevista é dar continuidade ao modelo xa aplicado á actual pasarela do tren e a praza José Adrio, de tal forma que se poida "darlle centralidade" a esta área de Pontevedra e que se converta nun pulmón para o ocio, unha especie de "alameda nesta zona da cidade".
Na pasarela actual ten protagonismo o ocio infantil a través dun parque. A idea básica sobre a que traballa Urbanismo é que ese espazo infantil teña continuidade e, ademais, que o espazo teñan "moita utilidade polos rapaces" cun espazo deportivo. A zona verde irá enfocada a que os maiores poidan pasear e descansar.
Relacionadas:
-
Sergio Portela deseñará o conxunto escultórico en recordo aos fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Redacción |
-
Un conxunto escultórico na pasarela Adrio Barreiro recordará os fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Alejandro Espiño |
-
Adif rexenarará o sendeiro de Lérez afectado polas obras
Por Redacción |
-
Bará avanza que as obras do AVE finalizarán en cuestión de días e lamenta as molestias causadas
Por Redacción |
-
Un parque infantil con tintes ferroviarios completará a reforma integral da 'pasarela'
Por Redacción |