Volve a feira máis doce de Pontevedra: nove expositores participarán na Feira do Mel
Por Alejandro Espiño
Nove expositores pontevedreses participarán na XXIV edición da Feira do Mel, que se celebrará do 9 ao 17 de agosto na rúa Serra. Trátase dunha iniciativa da Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra, coa que os produtores tratan de fortalecer o vínculo cos consumidores. Nela non só mostrarán os seus produtos, senón que ensinarán o público diversas técnicas de obtención do mel.
A feira inaugurarase o próximo sábado ás 11.00 horas. Os expositores manteranse abertos de luns a sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, mentres que os domingos o horario de apertura se atrasa ata as 11.00 horas.
Ademais da venda do mel e os produtos derivados dela, haberá tamén espazo para vendedores doutros produtos e alimentos relacionados coa apicultura como filloas, queixos ou iogures. A gran novidade chegará o martes 12 de agosto, ás 20.00 horas. Un artesán de Allariz dará unha conferencia sobre como elabora a primeira cervexa artesanal que se fabrica a partir do mel. Unha bebida "que sorprende e que sabe moi ben", segundo Claudio Fraga.
Os expositores ofrecerán un mel que, como destacaron dende a Asociación de Apicultores, corresponde a unha colleita mellor que a do ano pasado, sobre todo a que procede do sur da provincia de Pontevedra. Os ingresos servirán, sinalou este voceiro, para que os apicultores "poidan seguir coidando das abellas e elas de nós", ao recordar a importancia destes insectos para o ecosistema do planeta.
A programación da XXIV da Feira do Mel complétase cunha serie de actividades paralelas coas que se pretende atraer, especialmente, aos máis pequenos, que poderán probar a extraer eles mesmos o mel dos favos. Ademais organizarase un concurso mediante o cal se regalará mel a aquelas persoas que encontren os indicativos que se irán repartindo de luns a xoves polas rúas de Pontevedra.
Durante a presentación desta feira, a Asociación de Apicultores de Pontevedra destacou a súa satisfacción polo relevo xeracional que están a detectar entre os profesionais da provincia. Trátase de fillos ou familiares dos apicultores que empezan a facerse cargo desta actividade para seguir producindo o mel e levar ingresos aos seus fogares.