Máis de 20.000 bañistas diarios chegaron ás praias de Sanxenxo en xullo
Por Redacción
As praias de Sanxenxo recibiron unha media de 20.293 bañistas cada xornada do mes de xullo, cifra que implica que visitaron algún dos 14 areais con Bandeira Azul unha media diaria de usuarios superior a toda a poboación empadroada no municipio, 17.534 persoas.
A estatística elaborada polo Servizo de Vixilancia en Praias apunta a que o areal urbano de Silgar é o que maior número de bañistas reuniu o mes pasado, máis de 5.000 ao día; chegando mesmo o último domingo de xullo a 7.516.
A segunda praia máis demandada foi Montalvo, con 4.701. Séguenlle Areas (2.071), Canelas (1.983), Baltar (1.378), A Lanzada (1.345), Lapa e Area Gorda (899), Caneliñas (685), Major (660), Foxos (517), Pragueira (466), Paxariñas (339) e Bascuas (243).
O Goberno local destaca que estes datos confirman que a costa de Sanxenxo segue sendo un lugar preferente para miles de persoas e "esta afluencia nos anima a seguir traballando non mesmo senso, ofrecendo servizos de calidade e garantindo a preservación destes enclaves naturais de enorme riqueza".
O informe realizado polo departamento municipal rexistrou 2.848 intervencións realizadas en xullo nos 14 areais, ás que hai que engadir as 165 atencións realizadas polos tripulantes das embarcacións de salvamento.
Avisos a cans e en zona de baño, axuda a windsurfistas, dores, feridas por ourizos, escordaduras, picaduras de insectos e de fanecas, fracturas, feridas, lipotimias, queimaduras na pel, remolque de embarcacións, rescates de bañistas, rescate con reanimación cardiopulmonar ou intervención das forzas de seguridade foron algunhas das intervencións máis frecuentes.