Obxectivo: Previr a depresión entre os parados
Por Redacción
O Colectivo Encontro Benestar Social organiza unha mesa redonda sobre os efectos do desemprego na saúde.
Este colectivo que ven traballando temas relacionados coa Política Social, en Pontevedra dende xaneiro do 2011, ten entre os seus obxectivos por en contacto persoas interesadas no emprego e na saúde.
O Colectivo Encontro quere resaltar a importancia de ter unha actitude saudable ante o desemprego e a crise económica actual, "para non caer na depresión e incluso no suicidio", por isto propón aos desempregados que "se organicen e traballen dende a colectividade, acudindo a esta Mesa Redonda na que poderán escoitar especialistas que lles darán ferramentas para coidar a súa saúde física e mental".
Silvia Gálvez, Educadora Social, especialista en temas de Inclusión e Orientación laboral, será a encargada de sinalar como cambian as relacións humanas e familiares e como previr problemas derivados desta situación.
Ademáis o médico de urgencias, Jorge Nogueira e o psiquiatra, Victor Pedreira, achegaran a súa experiencia relacionada con esta temática que evidentemente está tendo unha especial repercusión na saúde individual e colectiva de tantas persoas.
A mesa redonda terá lugar nos locais da Federación de Veciños Castelao na rúa Gagos de Mendoza (baixo a praza da Liberdade), o próximo xoves 29 de novembro ás 20 horas.
Desde este Colectivo queren facer ver á sociedade pontevedresa a importancia de organizarse e "buscar alternativas de xeración de ingresos, e sumar esforzos cos colectivos xa organizados que resisten a brutalidade dos recortes".
Reivindicar tamén a importancia de aqueles profesionais altamente capacitados que se atopan sen poder exercer a súa profesión.
Ferramentas para coidar a súa saúde física e mental
Trátase dunha pérda individual (frustración e inexistencia de ingresos) e colectiva (fuga de cerebros e falla de reinversión social dos seus coñecementos) que empobrece a nosa cultura cívica, económica e política e nos leva a unha crise de valores moito mais sutil e difícil de remontar que a económica.