Rodean a praza de touros cunha cadea humana para esixir a abolición da tauromaquia
Por Redacción
Esixir unhas festas "libres de tortura e morte". Con ese obxectivo, unhas 200 persoas formaron este sábado unha cadea humana rodeando a praza de touros de Pontevedra, coincidindo co inicio da Feira da Peregrina.
A iniciativa, convocada pola organización internacional Igualdade Animal, celebrouse por terceiro ano consecutivo na cidade, a única que conta cun coso taurino estable en Galicia.
Os asistentes, vestidos con cores escuras e as mans pintadas de vermello, corearon consignas a favor da abolición da tauromaquia.
"Cada vez hai máis persoas que queren que se remate o que supoñen os touros, a execución pública dun animal despois de ser torturado cruelmente", sinalou Sara Lago, coordinadora de Igualdade Animal en Galicia, que criticou a subvencións que reciben estes espectáculos por parte das institucións públicas.
"Non ten sentido subvencionar este tipo de espectáculos para diversión dalgúns", insistiu a voceira deste colectivo, que denunciou que promoven "valores de indiferencia, violencia e falta de respecto cara os animais".
Esta mobilización foi o primeiro acto da Semana Antitaurina de Pontevedra, que continuará o próximo sábado 9 de agosto cunha manifestación organizada polo colectivo Touradas Fóra de Pontevedra. Partirá ás 20.00 horas da Praza da Peregrina.
Relacionadas:
-
Anova pide ao Concello que suprima o convenio coa empresa propietaria da Praza de Touros
Por Redacción |
-
Concorrida manifestación contra os festexos taurinos en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Valedor do Pobo admite a trámite a queixa dos 'antitaurinos' relativa ás subvencións da Deputación
Por Redacción |
-
Unha cadea humana e unha manifestación contra as touradas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Fóra Touradas de Pontevedra solicita á Deputación que informe sobre o financiamento público ás corridas
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que Pontevedra se declare cidade antitaurina e que se estude a expropiación do coso de San Roque
Por Alejandro Espiño |