Oito brigadas con 40 traballadores reforzan a loita contra o lume nos concellos de Umia
Por Redacción
Un total de 40 persoas repartidas en oito brigadas reforzarán a prevención e defensa do monte ante os incendios forestais en catro concellos da Mancomunidade do Umia froito dun convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural e do Mar. A súa presenza no monte supón un investimento conxunto entre a Xunta e os concellos de 217.476,96 euros e o uso de oito vehículos na loita contra o lume, dos cales tres son de recente adquisición.
As brigadas municipais recolleron este venres 1 de agosto o seu material de traballo no marco dun acto celebrado en Portas no que estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e os alcaldes de Portas, Moraña, Cuntis e Caldas de Reis, Roberto Vázquez, Luisa Piñeiro, Antonio Pena e Juan Manuel Rey.
Estas brigadas xurdiron a raíz da colaboración entre as administracións autonómica e local grazas a un convenio que permitiu a posta en marcha de equipos humanos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de maior risco de lume.
Durante estes meses, as brigadas levarán a cabo rozas manuais, rareo e eliminación de restos nun mínimo de 40 hectáreas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención. Tamén executarán traballos de vixilancia e extinción que serán concretadas en todo momento polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia.
Cores Tourís animou aos brigadistas a levar a cabo a súa labor "coa maior das profesionalidades", recordando a importancia da protección e coidado dos montes. "Cremos que a experiencia das brigadas municipais foi xa o ano pasado moi satisfactoria, xa que veu a demostrar que se fixo un traballo eficaz e rápido, en especial, a raíz de que os traballadores seleccionados eran veciños destes concellos e coñecían a zona, o que permitiu atallar máis rapidamente os focos", explicou Cores Tourís, segundo informou a Xunta nun comunicado.
Estas brigadas viron a complementar os equipos previstos no operativo de loita contra o lume organizado baixo o mando único da Xunta de Galicia e recollido no Pladiga. Conta, na provincia de Pontevedra, cos mesmos medios que o ano pasado: 23 brigadas de terra, dous equipos helitransportados, persoal propio de empresas dedicadas a esta labor e 28 cuadrillas de operarios de empresas públicas.