A Festa da Batalla e os Dolores, grandes citas festivas para o mes de agosto en Ponte Caldelas
Por Redacción
Agosto será un mes cheo de actividades lúdicas en Ponte Caldelas. Perfecto Rodríguez presentou este venres a programación cultural e festiva que marcará a vida social do municipio os próximos 30 días. A Festa da Batalla, que trasladará aos veciños ata o século XIX, e as festas patronais en honor á Virxe dos Dolores volverán ser un ano máis principais citas dentro desta oferta municipal.
A intención do goberno local é manter a oferta festiva en Ponte Caldelas co maior número de actividades culturais, sociais, musicais e de desfrute do tempo libre "co obxectivo de entreter os nosos veciños, nenos e maiores, e aos que por estas datas nos visitan axustándonos no gasto e buscando na imaxinación e a variedade o encaixe de todos os gustos dende un presuposto austero, marcado polos tempos nos que estamos", dixo o alcalde.
A Festa da Batalla e Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros concentrará as súas actividades no domingo 24 de agosto, tendo como fío condutor a recreación da loita das Alarmas de campesiños galegos contra as tropas de Napoleón. Pola súa banda, os artesáns recuperarán o protagonismo da Feira Antiga que se instalará na Alameda realizando talleres interactivos co público presente co fin de fomentar a participación popular nunha festa xa consolidada nas existentes na provincia relacionadas coa inmersión histórica.
En canto aos propios días das Festas dos Dolores prolongaranse do 30 de agosto ao 2 de setembro cun programa festivo no que o Concello intentou incorporar diferentes espectáculos e actividades para cubrir o gusto de todo tipo de público. Destaca o domingo 31 coa actuación da orquestra espectáculo Olympus, e as Cantareiras de Ardebullo que farán que esa noite Ponte Caldelas teña grande afluencia de público.
Ademais en Ponte Caldelas terán protagonismo os grupos folclóricos que comezará o sábado co encontro intercultural entre Os Coribantes de Buchabade e o Grupo "La Madreña", de Posada de Llanera (Asturias) e "La Robleda", de Cabezón de la Sal (Cantabria); ademais do concerto Son de Ponte Caldelas, que se celebrará o luns e no que participan as principais agrupacións musicais e folclóricas do municipio.
Tampouco faltarán as bandas de música cos concertos na alameda á hora do aperitivo que reúne todos os anos a centos de persoas. A banda de música de Salcedo, de Mondariz, de Redondela e a de Arcade que protagonizarán pasarrúas, o acompañamento nos actos relixiosos e o seu correspondente concerto na Alameda.
As noites de verbena estarán amenizadas o sábado polas orquestras Acirema e Latino, o luns pola orquestra América, quedando para o fin de festa do martes, coa verbena ata as 8 da mañá do mércores a cargo das orquestras Suavecito, Abano e Alcázar. Nesta noite recupérase ademais a gran tirada de lumes artificiais como colofón desta celebración.
SEMANA CULTURAL
O amplo programa deseñado polo Concello de Ponte Caldelas para a Semana Cultural (25 ao 29 de agosto) inclúe unha exposición pictórica de Olga Varela Pérez, así como unha conferencia titulada O Balneario (1895-1910), 15 anos de andaina, que pronunciará a historiadora local Mercedes Martínez Plasencia. E este ano o cine copará parte do entretemento para todos os públicos coa proxección das películas Los Becarios e Oblivion.
O entretemento para os máis pequenos virá da man dun contacontos, unha actuación de maxia e varias obras de teatro que serán interpretadas na Alameda de Ponte Caldelas. Tamén se recupera a montaxe dun parque de inchables gratuíto na alameda para o domingo 17 de agosto.
Relacionadas:
-
O PP reprocha o alcalde de Ponte Caldelas que elimine a 'Festa da Batalla' a pesar do seu potencial turístico
Por Redacción |
-
A chuvia obriga a suspender a procesión da Caridade nas Festas de Forzáns
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas déixase levar polo bo ambiente nunhas concorridas Festas dos Dolores
Por Redacción |
-
Dispositivo especial de tráfico en Ponte Caldelas durante a Festa dos Dolores
Por Redacción |
-
Medio cento de artesáns participarán na Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros
Por Redacción |
-
400 particulares solicitaron autorización para montar os seus "xantares" na Festa da Batalla de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para solicitar xantares particulares na Festa da Batalla
Por Redacción |
-
Santa Ana e Vilarchán, dobre cita coas festas populares en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O Mércores de Cinza e a Festa dos Dolores, festivos locais de Ponte Caldelas en 2015
Por Redacción |
-
O mal tempo non impide a Baltar celebrar a súa tradicional festa na honra a Cristo Rei
Por Redacción |