O Igape recibe os ex traballadores de Tafisa, pero recoñece que a solución é moi difícil
Por Redacción
Os ex traballadores da nave de Tafisa en Ponte Caldelas non están dispostos a tirar a toalla e seguen a traballar para buscar unha solución fronte ao peche da empresa por parte da multinacional Sonae. Este venres deron un novo paso e representantes dos traballadores reuníronse co director xeral do Igape, Javier Aguilera, para coñecer as xestións realizadas pola Xunta de Galicia para garantir a viabilidade do proxecto empresarial e valoran o resultado do encontro como "positivo", aínda que "non todo o que nos gustaría", pois "é moi difícil" atopar un inversor para a factoría.
O ex presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, indicou que dende o Igape lles trasladaron que "non hai nada concreto de persoas interesadas na fábrica", pero que a pesar de que lles gustaría ter mellores noticias "estas non son malas", pois significa que "seguen a traballar para buscar unha solución".
Para os representantes dos traballadores, o importante é "non quedar no olvido, que vexan que estamos aquí" e que a Xunta de Galicia siga a traballar para que a empresa elabore un plan de viabilidade da nave da Reigosa e para buscar outras alternativas á continuidade da fábrica que non sexan Sonae.
Os representantes dos traballadores: "Non tiramos a toalla, seguiremos aí dando a lata"
Os traballadores, pola súa parte, están "abertos a calquera posiblidade para darlle continuidade" e non descartan que apareza un novo inversor, pero recoñecen que "é complexo". Nas vindeiras semanas prevén un parón na busca de solución debido ao período vacacional, pero en setembro prevén manter un novo encontro co Igape e aseguran que "non tiramos a toalla, seguiremos aí dando a lata".
Ao término da reunión, dende o Igape sinalaron que Javier Aguilera transmitiu aos representantes dos traballadores a "disposición da Xunta para seguir mantendo conversas" co grupo Sonae e coa dirección da planta pontevedresa para colaborar, xunto co propio comité, na busca de posibles solucións.
O director xeral do Igape insistiu na importancia de conseguir que a dirección de Tafisa elabore un plan de negocio que poida servir como base para a localización de potenciais investidores interesados en recuperar actividade e emprego ás instalacións da compañía. Nesta liña, o voceiro local do PP, Jacobo Moreira, que mediou para a celebración da reunión, recordoulle aos representantes dos traballadores que estará á súa disposición para calquera xestión que necesiten.
Moreira xa acompañara os traballadores a unha reunión co conselleiro de Industria, Francisco Conde, e este venres volveu a Santiago para a reunión co Igape. Ao remate, reiterou a súa opinión crítica co "estraño pacto acadado hai máis dunha década" polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, coa compañía propietaria de Tafisa, Sonae.