SOS Panadeira recomenda ao rei Felipe VI que se "distancie" de Pedro Campos
Por Oskar Viéitez
A plataforma cidadá SOS Panadeira dirixiuse por carta ao rei Felipe VI para recomendarlle un "distanciamento" de persoas como Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo.
No escrito dirixido á Casa Real este colectivo felicita o Rei pola súa recente coroación á vez que o alentan "nos incipientes pasos cara á transparencia da Institución".
Ao mesmo tempo permítense recomendarlle "un distanciamento de persoas que como Pedro Campos Calvo-Sotelo mantiveron e manteñen condutas pouco exemplares; co alcume de: 'O amigo do Rei'. Estes feitos son ben coñecidos polos veciños de Sanxenxo de primeira man, tristemente", di a carta.
O escrito esta asinado por Elena Torres Aguín como membro da Plataforma SOS Panadeira, que pretende a defensa das praias afectadas polas obras do Real Club Náutico de Sanxenxo, unha obra "ilegal e inmoral".
Na carta explícase brevemente o periplo de loita destes veciños recordando que o caso se encontra "en proceso xudicial e loita social". E conclúe "para calquera consideración de índole informativo ou aclaratorio quedamos á súa enteira disposición", para despedirse a continuación "afectuosamente".