Gallardón dá marcha atrás na reforma da Xustiza: manteranse todos os partidos xudiciais
Por Redacción
Pontevedra manterá os seus trece partidos xudiciais. O Goberno dá marcha atrás na súa anunciada reforma da Lei do Poder Xudicial. Ante as críticas recibidas dende todas as instancias da Xustiza e, sobre todo, tras a forte oposición que encontraron en alcaldes e comunidades autónomas, incluídas aquelas onde goberna o Partido Popular, Alberto Ruiz Gallardón anunciou que se introducirán cambios no anteproxecto inicial.
A nova lei prevía eliminar partidos xudiciais e concentralos nas capitais de provincia, pero agora, segundo o ministro de Xustiza, non se suprimirá ningún, se ben se corrixirán certas "disfunciones". Así o anunciou en Santiago de Compostela, tras a reunión que mantivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante quen Gallardón recoñeceu que o papel especial de Galicia á hora de "reflexionar" sobre os cambios previstos.
Este novo modelo non supoñerá, insistiu o ministro, o peche de ningunha sede xudicial e permitirá a creación de distintos Tribunais de Instancia en cada provincia sempre que concorran "determinadas circunstancias" territoriais, demográficas e sociais previstas no texto. ÿ dicir, Vigo contará cunha destas novas unidades xudiciais, o que non os obrigará a resolver os seus litixios na capital da provincia, Pontevedra.
Os devanditos órganos deixarán de chamarse tribunais provinciais de instancia e pasarán a designarse tribunais de instancia, ademais de tomar o nome da cidade onde estea a sede principal de cada un. Así mesmo, agruparán as unidades xudiciais existentes nos distintos partidos xudiciais da súa área e crearanse as oficinas xudiciais de paz, destinadas a ser as sucesoras dos actuais xulgados de paz.
Unha terceira novidade con respecto á formulación inicial da reforma é a que Gallardón denominou como "flexibilidad" na repartición da carga de traballo. Así, explicou que os tribunais de instancia permitirán "reorganizar" casos entre os distintos xulgados adscritos ao mesmo Tribunal de Instancia, así como a reasignación e substitución de xuíces e persoal xudicial, segundo as necesidades de cada momento.
Isto servirá, segundo o Goberno, para que os asuntos se resolvan con maior rapidez, de forma que non haxa nunha mesma provincia un xulgado áxil e ao día e outro saturado e cuxos asuntos se amontoen sobre a mesa. Esta reorganización permitirá a resolución de asuntos de forma colexiada e a celebración de plenos para unificar criterios, o que traerá consigo unha maior predictibilidade das resolucións e que estas sexan homoxéneas en toda a provincia.
O ministro ratificou a súa intención de presentar "sí o sí" este proxecto en setembro e garantiu que estará listo nesta lexislatura. De feito, manifestou que podería estar aprobado "antes del verano siguiente".
Relacionadas:
-
O Consello Xeral do Poder Xudicial constata "problemas de cargas de traballo" nos xulgados da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Alfonso Rueda: "Con esta reforma, seguro que Pontevedra non vai perder ningún órgano xudicial"
Por Natalia Puga |
-
Louro asegura que Pontevedra é a cidade máis prexudicada despois da última rectificación de Gallardón
Por Redacción |
-
Louzán convoca a 13 alcaldes para intentar paralizar a reforma xudicial de Gallardón
Por Redacción |
-
Os avogados pontevedreses sairán á rúa contra Gallardón e en defensa da quenda de oficio
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Os xuíces da provincia trasladan as súas preocupacións ao presidente do Poder Xudicial
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |