Máis seguridade viaria e accesibilidade nas rúas Loureiro Crespo e Avenida de Lugo
Por Redacción
A mellora da seguridade viaria e de accesibilidade chegará en breve a dúas das principais rúas da zona leste da cidade. Estamos falando de Loureiro Crespo e a Avenida de Lugo. Námbalas dúas, o Concello de Pontevedra ten prevista unha profunda renovación, maior no caso da primeira, para cambiar o seu aspecto e facelas máis seguras para os peóns.
Con respecto a Loureiro Crespo, o goberno local prevé actuar, no primeiro semestre de 2013, no treito que vai desde Benito Corbal ata a rúa Antón Fraguas, xusto diante do Hospital Provincial. Entre outras medidas, prevense actuacións para o calmado do tráfico como a instalacións de lombos e orellas nos pasos de peóns.
De cara a reordenación de espazos públicos, entre os que se inclúen as zonas de carga e descarga, o Concello consultou cos comerciantes da rúa para coñecer as súas demandas. Neste sentido, encargarase á Policía Local a realización dun estudo sobre a reordenación dos fluxos de tráfico desta rúa.
No caso da Avenida de Lugo, na que xa se está traballando, o Concello prevé mellorar a seguridade entre a rotonda de Juan Carlos I (Rúa Carrasqueira) e o acceso ao colexio Vilaverde. Trátase dunha zona cun problema real de falta de beirarrúas en todo este ámbito, de feito moitos dos peóns teñen necesidade de entrar na estación de servizo. Así está prevista a construción de beirarrúas cun coste de case 76.000 euros.
Un local social para os veciños da Parda
Por último, dentro destas melloras na parte leste da cidade, o Concello de Pontevedra presentou o proxecto de acondicionamento do local social do barrio de A Parda, situado na praza da Zítara, no que comezará a traballarse nos vindeiros días. Trátase dun local de 450 metros cadrados que será empregado polo tecido asociativo o barrio. Terá diversos espazos: sala multiusos, despachos, almacén, aseos, zona de xogos infantís, salón, sala de estar ou cafetería ou biblioteca.
Este baixo cubrirá todas as necesidades que ten unha asociación en permanente crecemento como a de Manuel Quiroga, así como do resto de entidades do barrio. Cabe lembrar que o Concello cederá o uso do local para os veciños, pero sempre se reservará a propiedade e a posibilidade de realizar calquera actividade neste local.