Os novos xerentes do acuario de O Grove prevén reabrilo para Semana Santa
Por Redacción
O grupo Aquagestión, que hai uns días chegou a un acordo cos propietarios do acuario do Grove para asumir a súa xestión, prevén que as instalacións poidan abrir de novo ao público en Semana Santa de 2013. ÿ o prazo de tempo marcado polos responsables desta empresa para concluír coas obras de reforma que palntexaron para mellorar o seu aspecto.
Ata O Grove trasladáronse xa, segundo informa o diario dixital todogrove.com, o responsable de conservación de Aquagestión, Andrés Louza, co obxectivo de supervisar o inicio duns traballos que suporán renovar e mellorar as instalacións, para adaptalas "a las condiciones que nos gustan".
O director xeral desta empresa, que puxo en marcha en 2008 o acuario de Zaragoza con motivo da Exposición Universal, Iñaki Aguinaga, recoñeceu que o acuario meco estaba "para reformar"e admitiu que queda "mucho trabajo por delante para poder tener todo listo para la reapertura".
En todo caso, Aguinaga insiste en que este acuario, situado en Punta Moreiras, ten un gran potencial. Mediante unha serie de plans e investimentos, sobre todo a longo prazo, o grupo aposta por convertelo nun referente neste tipo de instalacións. "El espacio me encanta, creo que su potencial es muy grande", destacou.
Aquagestión, empresa especializada na xestión de acuarios públicos, entre outros, dos acuarios de Gijón, Getxo e Lanzarote, adxudicouse a explotación do centro de Punta Moreiras despois de que a firma catalá Bluedisplays, que en marzo de 2011 fixérase cargo del, anunciase a súa marcha tras entrar en concurso de acredores.
Esta decisión abriu un período de negociacións con varias empresas para asegurar a continuidade do acuario, o máis antigo de Galicia. Das tres empresas que mostraron o seu interese en asumir o centro do Grove foi Aquagestión, que xa se interesou por el en 2010 cando os seus propietarios anunciaron que o porían en mans de terceiros, a que finalmente se fixo coa súa administración e a súa xestión.