Ence afirma que a "incerteza" sobre a fábrica de Pontevedra "pon en risco o seu futuro"
Por Oskar Viéitez
O Grupo Ence informou que os investimentos na fábrica da compañía en Pontevedra están paralizados "á espera de que se despexe a incerteza sobre a renovación da concesión, o que está a atrasar preocupantemente o plan de recuperación de competitividade preparado para esta factoría e poñendo en risco o seu futuro".
Mentres tanto a factoría de Ence en Navia recibiu no que vai de ano 11,5 millóns, aos que se engadirán proximamente outros 11,9 para "asegurar a súa competitividade e o seu funcionamento".
A compañía acumulou no primeiro semestre do ano unha perda neta de 48,6 millóns euros, fronte a un beneficio de 30,3 millóns na primeira metade do pasado exercicio.
Fontes oficiais da empresa pastera achacan estes malos resultados ao impacto da reforma eléctrica, aos "anómalos baixos prezos do mercado almacenista de electricidade ata maio" e a diminución do prezo da celulosa.
Estas mesmas fontes sinalan que as vendas de electricidade de Ence se reduciron un 44% no primeiro semestre deste ano, o que supón 55 millóns menos de ingresos.
A débeda financeira neta corporativa situouse en 125 millóns de euros no primeiro semestre tras absorber os investimentos na planta de Mérida.