A Lanzada, Ons e a praia do Terrón (Vilanova), protagonistas do Cupón da ONCE
Por Redacción
As praias galegas serán a imaxe dos cupóns da ONCE durante o mes de agosto. A entidade calcula que un total de 82,5 millóns das súas participacións levarán a imaxe destes areais a toda España. E entre eles, estarán A Lanzada, a illa de Ons e a praia do Terrón (Vilanova de Arousa). Trátase dunha iniciativa, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, coa que se busca difundir a costa galega como reclamo turístico.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, foron os encargados de presentar este martes a colección de cupóns, e de facer entrega dunha reprodución destes aos alcaldes e concelleiros dalgúns dos municipios das praias.
O primeiro cupón dedicado ás praias de Galicia corresponde ao luns 4 de agosto e o último sortearase o xoves 28 do mesmo mes.
Os cupóns dedicados ás praias pontevedresas editaranse a partir do 20 de agosto, día no protagonismo será para a praia da Lanzada. Sucesivamente será a quenda de Baiona (21 de agosto), a illa de Ons (25 de agosto), O Terrón (26 de agosto) e as illas Cíes (27 e 28 de agosto).
As praias e as imaxes que ilustrarán estes cupóns foron elixidas pola propia ONCE e a Axencia de Turismo de Galicia.
Os cupóns da ONCE, que ofrecen por 1,5 euros ata 55 premios de 35.000 euros cada un, comercialízanse polos 20.000 axentes vendedores da ONCE. Grazas ao Terminal Punto de Venda (TPV), o cliente pode elixir o número que máis lle guste. Ademais, pódense adquirir dende a páxina web oficial de xogo da ONCE.