Portonovo estrea unha illa de colectores premiados en Europa polo seu deseño
Por Redacción
Portonovo conta dende este luns cunha illa de colectores de recollida de residuos que foron premiados a nivel internacional polo seu deseño. Así o explicou o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, tras supervisar a súa instalación na céntrica rúa Rafael Picó. O goberno municipal chegou a un acordo coa empresa Fomento Verde e con Ascan, concesionaria do servizo, para probalos sen custo económico para o municipio.
Cunha capacidade de 3.200 litros e destinados a carga lateral, os 'Big Bin' foron desenvolvidos polo estudo galego FrutoDS, empresa pontevedresa de deseño industrial participada polo grupo Formato Verde de Ourense, responsable do mantemento dos colectores subterráneos en Sanxenxo.
Estes recipientes recibiron o premio Platino do A' Design Award en 2013, na categoría de mobiliario urbano, sendo elixido entre máis de 5.000 proxectos presentados de 141 nacionalidades diferentes.
O 'Big Bin' está ideado para contribuír a humanizar as rúas, grazas á súa limpeza formal que o achega ao ámbito doméstico, buscando maior empatía co usuario. Ademais dunhas formas redondeadas que conseguen un volume orgánico doadamente integrable en calquera ámbito, o colector dispón de características como un pedal de curto percorrido con multiplicador de apertura, sinalización gráfica explicativa con exemplos para facilitar a reciclaxe e tapa pensada para a máxima comodidade do usuario.
Á súa vez, o cinto DSB, xunto á travesa superior e á plataforma inferior de aceiro galvanizado, achegan resistencia e evitan deformacións polos esforzos de elevación ou golpes por vandalismo, mantendo deste modo as súas funcionalidades ao longo do tempo.