Condenado un pontevedrés que bateu coa súa furgoneta contra unha papeleira para levala á súa casa
Por Alejandro Espiño
Dúas sentenzas recibidas recentemente polo Concello de Pontevedra condenan senllos pontevedreses por estragos no mobiliario urbano da cidade. A máis rechamante destas dúas resolucións refírese a un pontevedrés que foi condenado a cinco días de localización permanente por encaixar a súa furgoneta contra unha papeleira propiedade municipal coa intención de sacala da súa ancoraxe e levala para a súa casa.
O suceso tivo lugar o pasado 3 de xullo de 2013 na rúa Cobián Roffignac. Tras lograr arrancala da súa suxeición, o home marchou do lugar sen ser detido. Foi localizado ao día seguinte nun control policial. Despois de darlle o salto, os axentes comprobaron que aínda tiña a papeleira no interior da furgoneta. Por estes feitos, acaba de ser condenado por unha falta de furto.
Por este feito delituoso, pero en grao de tentativa, foi condenado un mozo que na madrugada do pasado 7 de xullo, sobre as 4.50 horas, foi sorprendido por unha patrulla da Policía Local tratando de arrancar un dos espellos convictos que axudan á visibilidade de tráfico na confluencia da travesía Galera con Arcebispo Malvar. Non o conseguiu pero imputóuselle un intento de falta de furto polo cal deberá pagar seis euros de multa durante un mes.