Mozos procedentes de Taiwán, Italia, Francia, e Rusia participan nun campo de traballo en Cotobade
Por Redacción
Un total de 20 mozos están a participar, desde o 20 de xullo e ata o próximo día 29, no campo de traballo internacional de Cotobade "Emprendemento verde no rural". Hai participantes procedentes de Taiwán, Italia, Francia e Rusia, así como galegos e mozos doutras comunidades autónomas.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou este luns esta iniciativa de carácter medioambiental, que se celebra na zona da Carballeira de San Xusto. Os voluntarios están a realizar tarefas de catalogación, limpeza, rozas de flora da zona ou sinalizacións, sempre respectando o contorno e a beleza dos sendeiros e da propia carballeira.
Ademais, tamén se organizan actividades con contido sobre emprendemento verde no rural, así como actividades de ocio relacionadas co medio natural como sendeirismo, tiro con arco ou visitas culturais.
Segundo resaltou Rodeiro, os campos de traballos son unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade.
Dentro da campaña de verán, Galicia conta este ano cun total de 649 prazas para que participen mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.