Acusan ao delegado do Goberno de "entrometerse" na paga extra aos funcionarios municipais
Por Alejandro Espiño
O abono do complemento de produtividade aos funcionarios do Concello de Pontevedra, unha medida que trata de paliar a retirada da paga extra de Nadal, segue enfrontando ao goberno municipal co PP. E agora cun novo protagonista, a Delegación do Goberno. O seu titular, Samuel Juárez, esixiu que se xustifiquen cada unha das partidas da modificación de crédito aprobada para sufragar este complemento.
"ÿ unha petición fóra de lugar", asegurou o concelleiro de Facenda, Raimundo González. "ÿ unha intromisión no funcionamento dos concellos e da autonomía municipal". Segundo o edil nacionalista é un paso máis nos "atrancos, recursos e ameazas" do Partido Popular, a pesar do cal o Concello de Pontevedra abonará este complemento nas nóminas deste mes, que se asinarán nos próximos días.
No escrito, que foi remitido ao Concello o pasado 20 de novembro, a Delegación do Goberno solicita que se describan os "traballos extraordinarios o, no seu caso, os criterios municipais establecidos" para que os funcionarios cobren ese complemento e que se xustifiquen os motivos polos cales non se tiveron en conta durante a elaboración e aprobación do orzamento municipal.
"Está clarísimo que hai unha intencionalidade manifesta de recorrer esta decisión ante a xustiza", afirmou Raimundo González, quen denunciou que é a primeira vez que a Delegación do Goberno realiza este tipo de peticións ao Concello de Pontevedra "e non teño constancia de que se lle pedira a outros concellos". Neste sentido, preguntouse se o PP tamén recurrirá decisións similares no País Vasco, Navarra ou "comunidades gobernadas por eles" como Extremadura.
A pesar diso, Raimundo González asegurou que no Concello de Pontevedra "manteremos a nosa posición de inicio". Explicou que o goberno municipal "non xoga de farol" e insistiu en que se abonará este complemento porque a retirada da paga extra de Nadal "é unha medida inxusta nestes tempos de crise e que prexudica claramente ao comercio local".
En total, o Concello de Pontevedra abonará 700.000 euros para sufragar este complemento a 474 funcionarios, persoal laboral e empregados do IMD e o Pazo da Cultura. Segundo explicou o concelleiro de Facenda, só 6 funcionarios non fixeron as horas extra estipuladas para recibir este complemento, algúns "porque estaban de baixa". Só un, dixo Raimundo González, pediu expresamente non cobrar este sustitutivo da paga extra de Nadal.
Relacionadas:
-
O Goberno denuncia ao Concello para que os funcionarios devolvan a paga extra
Por Oskar Viéitez |
-
Lores: "Sabemos que a nosa rebeldía e insubmisión poder ter os seus riscos, pero asumímolo"
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban a paga extra dos funcionarios e as alegacións ao Plan Especial do Porto de Marín
Por Alejandro Espiño |