Abolicionistas advirten do descenso de asistencia ás touradas en Pontevedra
Por Redacción
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas saíu ao paso das declaracións de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, nas que sinalaba que as corridas de touros están amparadas pola lexislación vigente.
A coalición abolicionista recorda que as leis fainas a cidadanía a través dos seus representantes lexítimos, e que, como sucedeu nas Illas Canarias e en Cataluña, a tauromaquia pode formar parte dos espectáculos con animais ilegais. De feito, sinalan que no territorio galego as touradas son unha "excepción" na Lei de Protección Animal. Isto significa, a ollos da plataforma, unha "anormalidade lexislativa" evidente, posto que o mesmo espectáculo con outra especie animal sería considerado unha infracción moi grave.
"O PP dedica fondos públicos a manter de forma artificial a tauromaquia en territorio galego"
Neste senso, desde Galicia, Mellor Sen Touradas asegura que a Deputación entregou máis de mil euros a peñas taurinas para organizar un encontro literario cun toureiro, máis de 50.000 euros en dous anos para colocar o logotipo do "Patronato de Turismo Rías Baixas" na praza de touros da cidade, ou unha subvención superior aos 3.000 euros para a edición dun anuario taurino en forma de publicidade. "Os abolicionistas continúan sen coñecer o montante real de subsidios a grupúsculos taurinos ou á organización das corridas de touros", lamentan.
Este colectivo sostén que "mentres o PP dedica fondos públicos a manter de forma artificial a tauromaquia en territorio galego" as enquisas oficiais, como a elaborada polo Ministerio de Cultura baixo o nome "Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais" do periodo 2010-2011, última finalizada, mostra "datos contundentes", como que o 99,2% dos galegos declaran non asistir a corridas de touros, unha cifra superior aos estudos sociolóxicos anteriores.
Relacionadas:
-
Unha cadea humana e unha manifestación contra as touradas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán: "Antes de prohibir os touros hai outra vía que é dialogar"
Por Oskar Viéitez |
-
Fóra Touradas de Pontevedra solicita á Deputación que informe sobre o financiamento público ás corridas
Por Oskar Viéitez |
-
Colas para o tendido de sombra
Por Oskar Viéitez |