A Unión Federal de Policía denuncia as carencias de persoal na Comisaría de Vilagarcía
Por Redacción
Dende a Unión Federal de Policía (UFP) denuncian a situación existente na Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía con "graves carencias de persoal".
Co actual catálogo de postos de traballo, establecido en setenta efectivos, distribuído xerarquicamente nas diferentes escalas e categorías, "vénse observando dende hai tempo que o número é claramente insuficiente para cubrir os servizos que demanda a poboación e cumprir os obxectivos de prevención inherentes no labor policial e que se ven minguados, sobre todo durante os permisos de vacacións ordinarios".
Dáse a circunstancia inusual de que na actualidade teñen a disposición máis vehículos policiais que persoal para patrullar.
Este sindicato denunciou en reiteradas ocasións que o actual catálogo de postos de traballo está "mal formulado e enfocado" para unha poboación de máis de 30.000 habitantes e que necesita "unha urxente revisión para paliar o déficit de persoal que afecta con especial incidencia á Comisaría de Vilagarcía de Arousa".
A Unión Federal de Policía quere "deixar claro" que este déficit de persoal "supón que a resposta policial pode chegar a ser inadecuada, en canto á inmediatez e rapidez que caracterizan a todas as intervencións policiais".
Advirte este sindicato que a carga de traballo que soportan os funcionarios destinados nesas dependencias.
Finalmente este sindicato recorda que nesta comarca de Arousa existe un grave problema de tráfico de drogas "coa perigosidade que iso leva consigo, por exemplo cos numerosos axustes de contas que se producen na bisbarra, o que presupón a existencia de armas de fogo".