Ábrese o prazo para solicitar a organización de comidas na rúa durante a Festa Corsaria de Marín
Por Redacción
A festa corsaria de Marín consolídase en cada edición e chega xa á súa terceira convocatoria.
Os días 15, 16 e 17 de agosto, os piratas, bucaneiros e corsarios tomarán a vila con gran protagonismo para os máis pequenos con xogos medievais e diversas actividades que acompañarán os postos de venda de artesanía, instalados na Alameda, que estarán acompañados de malabares, monicreques, cetraría e actuacións musicais.
O Concello de Marín aínda está a elaborar a programación da edición deste ano pero anuncia que aquelas persoas e colectivos interesados en comer durante esas xornadas na rúa poderán solicitalo a partir do luns 28 de xullo no rexistro do Concello.
Dende o goberno local estanse a elaborar unhas normas básicas para establecer un control de seguridade, limpeza e estética para que a festividade se desenvolva sen problemas.
Este evento ambiéntase no século XVII, durante a etapa na que os coñecidos corsarios das Rías Baixas, Gago de Mendoza e Soto, percorrían os mares.