Os veciños de San Roque piden ao Concello que controle o ruído das festas
Por Redacción
A asociación de veciños de San Roque remitiu un escrito ao goberno local no que piden que se controle o ruído que xeren as atraccións e demais elementos que participan nas festas da Peregrina.
En primeiro lugar, o colectivo que preside Sabino Martínez, solicita información "tanto do horario como do nivel sonoro permitidos ás atraccións e barracas" que se instalan na Avenida de Raíña Victoria, Montero Ríos e Alameda "especificando as diferenzas, se as houber para os días laborables, festivos e vésperas de festivos,".
Ademais queren coñecer a normativa legal na que se basean as devanditas autorizacións e licenzas.
Finalmente, os veciños de San Roque piden que o Concello "vixíe o cumprimento dos permisos, realizando as medicións e comprobacións necesarias, dado o molesto que resultan os ruídos que ocasionan as atraccións a todas as persoas en xeral".
RADIO FESTA
Dende o ano 2010 o Concello instalou son ambiente durante as festas da Peregrina para substituír a música xerada de xeito individual por cada unha das atraccións, unha circunstancia que contribuía a xerar un exceso de decibelios.
A fórmula empregada é unha emisora de radio cunha música festiva que é sintonizada por todas as atraccións para evitar rivalidades co son de cada unha delas.