Dez 'carneiros ao espeto' de pedra homenaxean a festa máis representativa de Moraña
Por Redacción
Un conxunto escultórico realizado pola Escola de Canteiros preside desde este martes unha das entradas ao núcleo de Santa Lucía (Moraña). Trátase de dez esculturas de granito que representan a outros tantos carneiros ao espeto. Con elas, buscan divulgar a festa gastronómica máis popular do municipio, que se celebrará esta próxima fin de semana.
As dez esculturas do conxunto citado instaláronse nunha rotonda de 2.500 metros cadrados e 56 metros de diámetro situada na estrada autonómica Caldas de Reis-San Xurxo de Sacos, no lugar de A Chociña.
As pezas graníticas están sostidas por un cadro de aceiro inoxidable, cunha composición circular e unha representación no medio que imita un fogo. Esta representación central está realizada con catro taboleiros de granito cun oco central onde vai a luz que fai de lume.
Os carneiros en granito teñen unhas dimensións individuais de 180 centímetros de alto e 110 de ancho. O cadro de aceiro inoxidable que os sostén mide 25 por 25 milímetros.
Esta iniciativa deriva dun convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Moraña polo que a institución provincial subvenciona en especie o devandito conxunto escultórico.