72 coches clásicos para viaxar no tempo ata 1925
Por Diego Torrado
Un Renault de 1925, autobuses da empresa Cuiña e un camión marca Bedford dos anos 40 da empresa Norte-Sur forman parte das 72 pezas automobilísticas que durante este domingo 20 de xullo poden verse na Praza de España dentro da terceira edición da Concentración de Vehículos Clásicos.
Numerosas persoas achegáronse para recordar os turismos, ambulancias e autobuses do pasado século, entre os que se poden encontrar os Seat tradicionais que circulaban, polas rúas de Pontevedra. A mostra, formada por vehículos chegados de distintos puntos de Galicia, ofrece unha representación da industria automobilística dende o ano 1925 ata principios da década dos 80.
Este evento está organizado pola Asociación de Amigos dos Vehículos Antigos de Pontevedra (club AVA) en colaboración coas concellarías de Deportes e de Turismo do Concello de Pontevedra.
Os organizadores destacan o incremento de participantes nesta concentración, que quere consolidarse como un referente no mundo do motor clásico dentro da provincia.