Un Renault NN de 1925, principal atractivo da III Concentración de coches clásicos e antigos
Por Alejandro Espiño
A Praza de España acollerá este domingo 20 de xullo a terceira edición da Concentración de coches clásicos e antigos de Pontevedra. Contará coa presenza de 72 coches chegados de toda Galicia entre os que haberá unha representación da industria automobilística dende o ano 1925 ata principios dos 80. De novo, esta exhibición está organizada pola Asociación de Amigos dos Vehículos Antigos de Pontevedra.
O vehículo máis antigo será un Renault NN de 1925 que ven do Grove, pero tamén estarán tres autobuses dos 50 da empresa Cuiña e un camión marca Bedford dos anos 40 da empresa Norte-Sur. Tamén se poderá contemplar unha ambulancia Seat 1500 pertencente á Cruz Vermella de Pontevedra e haberá un modelo de Citroen CX Palace, xusto cando se cumpren corenta anos da súa presentación en París.
A concentración, que ocupará tamén unha parte da avenida Montero Ríos, comezará ás 9.30 horas e permanecerá ata as 20.30 horas, ofrecendo así unha ampla franxa para poder gozar coa presenza de auténticas obras de arte xa imposibles de observar sobre o asfalto, segundo destacaron na presentación o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do club AVA, Cristóbal Rivas.
O concelleiro subliñou que "será unha oportunidade de recuperar imaxes da nenez", pois este tipo de vehículos "están asociados invariablemente a lembranza perdidas no tempo e aos vellos Seat que circulaban polas rúas de Pontevedra hai máis de medio século". Neste sentido, Cristóbal Rival avanzou que "hai coches que á xente lle vai a traer recordos, porque pertencen ao patrimonio da cidade".
Os organizadores destacaron que o certame vai madurando ano a ano e tamén aumenta o número de participantes e a singularidade dos vehículos expostos. O club AVA seguirá a traballar para consolidar a proba pontevedresa como un referente no mundo do motor clásico na provincia de Pontevedra.