Surfeando en igualdade
Por Redacción
Os da Mission Surf School presumen de ser "algo máis que unha escola de surf" un lema que evidencian con actividades como a levada a cabo con nove membros da Asociación Juan XXIII. Os rapaces gozaron esta fin de semana coas ondas da Lanzada.
"Son as clases máis gratificantes e divertidas" admite Milo Castelo, director desta escola deportiva.
A xornada arrancou ben cedo quentando os músculos e atendendo ás primeiras explicacións antes de subir á táboa. Unha vez enfundado o neopreno chegou a hora de cabalgar as ondas.
Curiosamente a emoción era compartida a partes iguais entre os alumnos e os monitores como recoñeceu o propio Milo Castelo (once veces campión galego e unha campión de Europa ISA).
Mission é a única escola oficial do Concello de Sanxenxo, e durante os meses de verán, dispón dunha caseta na praia da Lanzada para atender a todo aquel que desexe iniciarse neste mundo.