Pontevedresas ante o teito de cristal de ser muller na Galicia contemporánea
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Victoria Portas, traballadora sindical. Lucía Pedroso, emprendedora. María José Obelleiro, especialista no ámbito social. Teresa Casal, política e avogada. Catro perfís diferentes que poderían chegar a ser tantos como os 1,4 millóns de galegas que figuran no último censo do Instituto Galego de Estadística. Cada unha distinta, cada unha coas súas circunstancias, pero todas con algo en común: son mulleres e cada día enfróntanse ao teito de cristal que supón ter un nome feminino na Galicia contemporánea. A pesar da loita de décadas, dos logros alcanzados, das leis promulgadas, as catro coinciden en que segue existindo esa barreira invisible, imposta pola propia sociedade, que lles impide alcanzar a igualdade plena, tanto no ámbito laboral coma no social. E que a crise dos últimos anos a volveu máis resistente.
PontevedraViva cita as catro en torno á mesma mesa na apertura do ciclo informativo 'Almorzos no Carabela'. Compañeiras de faladoiro inesperadas que, nada máis sentarse, tan só con compartir as súas experiencias persoais, xa realizan unha radiografía da situación da muller hoxe en día. Hora e media de coloquio dá moito de si e afloran algunhas diferenzas de interpretación irreconciliables, pero tamén puntos de encontro que proban que dá igual o sector de actividade ou a cultura en que se movan, como mulleres, enfróntanse a situacións comúns.
Algunhas téñeno máis difícil que outras. María José Obelleiro, coordinadora da Fundación Secretariado Xitano en Pontevedra, constata que na sociedade xitana "el valor fundamental de la mujer es la familia, el matrimonio y la maternidad. Ellas, para ser realmente reconocidas en su comunidad, tienen que ser madres" e iso implica que teñen que deixar de lado pensar na súa propia vida e desexos. Fronte a unha sociedade galega con maior porcentaxe de mulleres que de homes con estudos superiores, en Galicia tan só hai dúas xitanas universitarias porque a muller desta etnia se enfronta cunha dicotomía: cumprir co que elas queren ou cinguirse ao que establece a súa cultura.
Unha Galicia cada vez máis intercultural deixa, para Victoria Portas, traballadora do sindicato CIG, "moita riqueza" de cara a crecer como sociedade. A convivencia de diferentes nacionalidades e culturas abre mentes, pero tamén deixa situacións que supoñen un retroceso temporal a épocas esquecidas. Na súa etapa no departamento de Inmigración da central sindical, comprobou que "hai colectivos de fora que para que unha muller lle informe e lle asesore é moi complicado", como no caso da cultura musulmá. Como traballadora e como muller, non resulta sinxelo convivir con determinadas situacións como a que lle tocou pasar con dous rapaces de orixe marroquí que, tras coñecer que ela sería a súa interlocutora, decidiron quedar sen consulta laboral. Iso si, o seu "maior orgullo" é que dous meses despois regresaron e puido axudarlles.
Superadas situacións de discriminación directa polo mero feito de ser dun ou outro sexo, na sociedade galega aínda se dan situacións nas que, de forma velada, se esixe á muller demostrar unha valía que ao home xa se lle presupón. Lucía Pedroso, primeira presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra, enfrontouse aos dous días da súa elección, a un comentario que as resume: "Es la primera mujer, está por ver si superará todo lo que han hecho los hombres". Unha personalidade forte como a que caracteriza estas catro mulleres permitiu a Lucía reaccionar pensando: "No, no estoy aquí para superar al anterior ni a ningún hombre. Estoy para trabajar".
Pero o comentario non era inocente nin unha excepción. Na vida privada e no ámbito laboral, os prexuízos son constantes e os máis duros chegáronlles a elas das propias mulleres. A Teresa Casal, "hai moitas críticas que me molestan moito máis se veñen de mulleres". E chegáronlle moitas. Ex secretaria xeral da UNED en Pontevedra, política polo PNG e Unidade Galega, ex concelleira e ex tenente de alcalde polo PSdG-PSOE. Unha muller no que erroneamente se considerou un mundo de homes e que tivo que soportar estar baixo os focos de atención por cuestións tan alleas ao seu traballo como "se cuchicheaba algo con Lores (alcalde de Pontevedra), polo morbo de que foramos unha muller e un home, xa me facían a foto".
As catro mulleres que participan no faladoiro nos soportais da cafetaría Carabela comparten, a pesar do dispar da súa actividade laboral, unha dificultade común que adoita actuar de freo para o avance do sexo feminino cara a cargos de representación tanto na empresa privada coma en asociacións e institucións: a maternidade. Victoria Portas, nai de xemelgas, considera que "unha muller ten que ter fillos cando realmente lle apetece ser mamá", pero Lucía Pedroso, cun fillo, achégalle unha visión pesimista porque "hay momentos que si tienes tu carrera y te interesa tu vida profesional, es complicado, es imposible".
Victoria Portas: "Antes de quedarse embarazadas xa veñen preguntarche cal vai a ser a súa situación posterior"
O momento éo todo. Teresa Casal, con tres fillos e un neto, viviu a súa maternidade nunha época en que "arramplabas con todo" e tivo que superar as dificultades de longas xornadas laborais na UNED nas que chegaba á casa á hora á que outras nais xa terían deitado os seus fillos, pero é consciente da situación actual e de que "agora, como máximo, teñen un fillo cada parella porque é moi complicado". Xéralle moita tristura. "Ás veces teño a sensación de que, co que loitamos a miña xeración, ás mulleres mozas de agora relegan ese tema", lamenta.
Pola súa condición de autónoma e emprendedora, Lucía nin sequera chegou a gozar de toda a baixa maternal e agora hai días nos que o que mellor define a súa forma de organizar a vida familiar é: "tienes que buscarte la vida". Victoria tampouco o tivo sinxelo, ao encontrarse ao mesmo tempo con dúas bebés, unha que tivo que estar máis dun mes nunha incuvadora, e ata que encontrou praza nunha gardaría pública tivo que acumular baixa, vacacións e unha excedencia.
"ÿ complicado conciliar, non quedar embarazada", sinala. De todos os xeitos, séntese privilexiada fronte a situacións que lle formulan a diario afiliadas do seu sindicato, mulleres que "hoxe en día, antes de quedarse embarazadas xa veñen a preguntarche cal vai a ser a súa situación posterior". Ao respecto, Teresa Casal móstrase segura de que "hai mulleres que non se quedan embarazadas por medo a que ás boten do traballo", pero Lucía Pedroso non comparte esa visión tan catastrofista e asegura que na súa empresa "tengo muchísimas más trabajadoras mujeres que hombres y nunca se me ocurriría decirle nada por quedarse embarazada".
María José Obelleiro: "Hay más mujeres que trabajan en el ámbito social y los directores son hombres"
Con opinións discrepantes en canto ás trabas do empresario á muller embarazada, no que si coinciden Lucía Pedroso como pequena empresaria e Victoria Portas como traballadora e sindicalista é en que a principal dificultade para a súa maternidade a encontran na propia sociedade. "Yo estoy segura de que en el colegio dicen: mira él hace de madre y ella de padre", valora Lucía Pedroso en alusión a que o seu marido é quen recolle o seu fillo na escola e se lle cuestiona por iso.
Ese tipo de comentarios son, en opinión de Victoria Portas, os que fan que a propia muller chegue a sentirse culpable por querer traballar e non estar as 24 horas do día co seu fillo. Así como no ámbito laboral tan só ve trabas á maternidade, a nivel social, Teresa Casal conclúe que "a sociedade che corta o paso moito máis moitas veces por outras cousas e polo feito de ser muller que por que quedes embarazada". Como exemplo, María José Obelleiro apela á falta de mulleres en postos directivos en sectores teoricamente máis proclives á igualdade como os servizos sociais: "Lo normal es que haya más mujeres que trabajan en el ámbito social que los hombres y los directores son hombres".
Lucía Pedroso: "La mayoría de mis trabajadoras son las únicas que en este momento están aportando un sueldo"
O impacto da situación económica na situación da muller é o que máis discrepancias xera entre este grupo de mulleres. Mentres Lucía Pedroso ofrece a súa experiencia e asegura que "la inmensa mayoría de mis trabajadoras son las únicas que en este momento están aportando un sueldo", Teresa Casal repróchalle que estamos falando dun emprego precario, un emprego parcial, uns ingresos mínimos" e que o que realmente necesita Galicia para saír adiante é "volver ter os inxeñeiros, os arquitectos, que teñan traballo aquí e que este non se convirta nun pais de camareiros nin de asistentas".
Para Victoria Portas a crise afecta a homes e mulleres, pero "é moitísimo peor na muller". Se ben coincide con Lucía Pedroso en que "hai moitas mulleres que levan o soldo para a casa nestes momentos no que os seus homes non o levan", critica que "no mercado laboral que se abre neste momento a muller accede a traballos moito máis precarios".
Teresa Casal: "Estamos nunha etapa de retrocesos de dereitos e de libertades que afectan máis á muller"
Valora Teresa Casal que estamos nunha etapa de "retrocesos de dereitos e de liberdades que afectan máis á muller" e lle parece "tremendo" que se substitúa "por caridade" a obriga do Estado de dar benestar aos cidadáns. "Se se quitan, por exemplo ás axudas da Lei de Dependencia, a que se perxudica é a muller", cuestiona.
Lucía Pedroso apela á fortaleza do sexo feminino, pois "somos mucho más fuertes y podemos muchísimo mejor con las situaciones difíciles. Igual somos las más vulnerables en determinados momentos, pero somos mucho más fuertes y muchísimo más tiradoras que ellos". Este pulo pódese extrapolar ao mundo empresarial, no que proliferan as autónomas e o espírito emprendedor é maior que nos homes.
Este faladoiro coincidiu coa celebración do Pleno do Consello Galego das Mulleres, un organismo constituído pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia que ten entre os seus obxectivos elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos, elaborar informes sobre a situación e perspectivas da igualdade e investigar a realidade das mulleres galegas.