Un lume sufocado e avivado dúas veces dana unha nave en Cuntis
Por Redacción
Un incendio calcinou entre a última hora do domingo e a mañá deste luns parte dunha nave de madeiras do polígono A Ran de Cuntis. O lume foi sufocado de madrugada e volveu reactivarse horas máis tarde.
A primeira alerta do lume produciuse ás 23.57 horas e foron mobilizados ata o lugar voluntarios de Protección Civil, operarios do Concello, Bombeiros do Salnés e Garda Civil.
Os bombeiros lograron sufocar as chamas, pero arderon parte dos palés de madeira duns catro metros de altura que estaban almacenados no interior.
Aínda que quedou apagado, ás 6.30 horas volveu avivarse o lume e os bombeiros tiveron que regresar ao lugar. Finalmetne, quedou sufocado arredor das 9.00 horas e tamén resultou danado parte do tellado da nave, de uralita.