Se vas a San Benitiño, coidado cos carteiristas
Por Redacción
A romaxe de San Benitiño de Lérez celébrase este venres cun reforzo na seguridade por parte dos axentes das policías Local e Nacional para garantir que se celebre sen incidencias e os numerosos veciños que se acheguen ao longo do día ao recinto non se convertan en vítimas de furtos, enganos ou estafas.
A festa, que coincide en día festivo local, comezará xa ás 10.30 horas cun percorrido do grupo Os Alegres entre o Concello e os salóns do Lérez. A partir das 11.30 horas, empezará a romaxe popular na praia fluvial do Lérez e ás 11.45 horas haberá unha actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas.
Dende as 12.00 horas haberá unha mexilloada popular na praia fluvial do Lérez e ás 13.00 horas, ao termo das misas centrais do día no mosteiro de Lérez, haberá un concerto da Banda de Música de Pontevedra no adro.
Tanto os actos litúrxicos como a festa popular continuará pola tarde e ás 17.00 horas se organizou a beiras do Lérez unha actuación dos grupos Pousos da Area e Aturuxo Pequeno. Xa pola noite, haberá verbena no adro do mosteiro a cargo da orquestra Salsa Costa.
A Comisaría recorda que hai verdadeiras especialistas en aglomeracións, utilizando as rebaixas, mercados locais, romaxes e festas, lugares onde hai unha importante aglomeración de público para levar a cabo de forma itinerante a comisión de furtos. Este é o caso de San Benitiño, onde se concentra un gran número de cidadáns de Pontevedra e arredores e cada ano adoitan proliferar os carteiristas.
A presenza policial na festa de Lérez enmárcase no plan antifurtos deseñado pola Comisaría e que entrou en vigor con motivo da tempada de rebaixas. Ademais de impulsar a presenza policial cun maior número de efectivos de radiopatrullas e axentes a pé, uniformados e de paisano, este dispositivo pretende facilitar consellos e pautas seguras de conduta.
Para evitar ser vítimas dun furto, o prioritario é asegurar as pertenzas. No caso das mulleres, os bolsos de man deberán ir cruzados na parte dianteira. Loxicamente dentro levaremos o imprescindible e nunca obxectos de gran valor (grandes cantidades en efectivo, xoias ou talóns). En canto aos homes, no caso de levar billeteira deben asegurarse que vai no peto dianteiro a poder ser interior.
Se varias persoas se achegan para limparnos unha mancha, recordar que podemos ser vítimas do famoso 'furto da mancha' e que a sucidade puido ser causada por aqueles. Especial coidado debemos tomar, tamén se somos abordados por varios individuos, normalmente mozos, que queren vendernos panos de papel ou chisqueiros ou piden esmola. En realidade o que buscan é distraer a nosa atención e que o máis hábil se faga ao descoido coas nosas pertenzas.