Rafael Iglesias: "Sentímonos totalmente respaldados e co apoio da cidadanía"
Por Diego Espiño
Rafael Iglesias, secretario comarcal de CIG en Pontevedra, e Carlos Alján, un dos tres sindicalistas condenados a tres anos de cárcere pola actuación dun piquete informativo, iniciaron a segunda quenda da folga de fame convocada ante a Audiencia Provincial.
Igesias e Alján relevaron ao secretario xeral do sindicato nacionalista, Suso Seixo, e a outro dos acusados, Marcos Cadórniga, que o pasado venres empezaron a protesta contra unha sentenza que consideran abusiva e desproporcionada, como recoñece o propio Rafael Iglesias, "nun momento non que se recorta en sanidade, educación, pensións ou servizos sociais o que intentan con esta sentenza é que non haxa protestas, intentan reprimir calquera tipo de manisfestación contra as medidas do Goberno".
A folga de fame, que conta co apoio de CCOO e UGT, manterase ata o 15 de decembro en quendas de 48 horas e concluirá cunha manifestación polas rúas de Pontevedra.
Na carpa instalada á entrada da caravana onde os sindicalistas pasan as horas de protesta iniciouse unha recollida de firmas en apoio ás súas reivindicacións, e que tivo segundo Iglesias, unha boa acollida entre os cidadáns que se achegan polo lugar, "sentímonos totalmente respaldados e co apoio da cidadanía, é de agradecer a total comprensión coa campaña que estamos a facer os tres sindicatos".
Marcos Cadórniga e Carlos Alján de CIG e Carlos Búa de CCOO foron condenados a tres anos e un día de prisión por coaccións nun supermercado de Pontevedra durante a súa participación na folga do sector da alimentación no ano 2009.
Relacionadas:
-
Un milleiro de sinaturas de apoio aos sindicalistas condenados por participar nun piquete
Por Redacción |
-
Guillerme Vázquez: "isto non se parece á democracia pola que eu loitei"
Por Oskar Viéitez |
-
Sindicatos a dieta
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía insiste en encarcerar a tres sindicalistas por participar nun piquete
Por Oskar Viéitez |