Os veciños da Parda gañan o premio da Universidade de Vigo "Constrúe en verde"
Por Redacción
Este mércores na Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, fíxose a entrega dos premios Constrúe en verde, e inaugurouse a exposición das candidaturas propostas.
A Universidade de Vigo, coa colaboración do Concello de Pontevedra, leva desenvolvendo o proxecto Constrúe en verde, dentro do programa socio-cultural Tangram no que a sustentabilidade e a interdisciplinariedade se poñen ao servizo da cidadanía.
Esta iniciativa completouse cun concurso de ideas de deseño dunha edificación sostible e adaptada ás necesidades da veciñanza que aloxará a construción, e que decidiron por unanimidade que usarían a mesma como espazo versátil de uso infantil e xuvenil.
O tribunal de avaliación das propostas decidiu premiar por unanimidade a proposta chamada O Lecer, e conceder unha mención especial ao proxecto titulado La Casa Verde.
A proposta gañadora é unha edificación sostible e ecolóxica para uso común no barrio pontevedrés da Parda. Se tratará dunha pequena edificación realizada principalmente en madeira que se instalará na praza Cítara para uso lúdico de nenos pero tamén do resto de veciños que teñen este espazo como zona común.
En total presentáronse cinco propostas e, como destaca Rocío Gómez-Juncal, dinamizadora do programa Tangram, a idea é estender esta iniciativa a outros barrios de Pontevedra, buscando estreitar os lazos entre o campus e a cidadanía e pór os coñecementos da comunidade universitaria ao servizo das necesidades das persoas.
A concelleira Anxos Riveiro destacou que esta nova construción será un elemento que achegará cousas positivas e dotará a esta zona de algo que eles mesmos pensaron que sería bo, dado que foron os propios veciños os que propuxeron tanto o deseño, como o uso posterior do mesmo, afirmou Riveiro convencida de que é algo pequeno pero transformador.
O seguinte paso será trasladar o deseño a un proxecto con planos e que cumpra todas as normativas e lexislacións vixentes. Unha vez co proxecto detallado e aprobado, a caseta será construída por docentes e alumnado do departamento de Madeira e Moble do CIFP A Xunqueira e trasladarase á praza Cítara por módulos, agardando que estea rematada no mes de decembro para a súa instalación definitiva.
Relacionadas:
-
A caseta ecolóxica 'O Lecer', un proxecto colaborador que nace no campus para destinarse a ocio na Parda
Por Redacción |
-
A Universidade e o Concello estreitan lazos a través de Tangram 2015
Por Redacción |
-
Dúas pezas e infinitas posibilidades de mobiliario urbano
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O último espazo libre na Parda pasa a mans do Concello
Por Redacción |