A denuncia dunha familia de Meis permite deter un mozo por un delito de pornografía infantil
Por Redacción
A Garda Civil detivo a pasada semana un mozo, veciño da localidade cántabra de San Vicente de la Barquera, como presunto autor dun delito de pornografía infantil cometido a través da Internet, pola suposta utilización de imaxes de menores con fins pornográficos.
As investigacións iniciáronse o pasado mes de maio cando os pais de varios menores do municipio pontevedrés de Meis denunciaron ante a Garda Civil de Cambados que os seus fillos estaban a ser coaccionados e ameazado a través das rede social de Tuenti, por parte dunha suposta moza que lles esixía o envío de imaxes e vídeos con contido sexual relativo aos propios menores, a través da mensaxería de Whatsapp.
O autor destas ameazas identificábase na rede como unha rapaza de quince anos, utilizaba a fotografía dunha nena no seu perfil de Tuenti e a través dunha coñecida técnica de captación denominada "grooming", primeiramente gañábase a amizade do menor e despois conseguía que lle enviase fotografías e videos realizando prácticas sexuais que, en principio, intercambiaba con outras imaxes similares que lles facía crer que eran dela mesma.
As ameazas sobreviñan inmediatamente. No momento no que os menores pretendían cesar co intercambio de imaxes esta suposta rapaza ameazábaos dicíndolles que sabía onde vivían e quen era os seus pais.
Detectáronse preto dun centenar de menores afectados, todos eles en idades comprendidas entre os 10 e 12 anos
Durante os dous meses de investigación, que correu a cargo do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados, detectáronse preto dun centenar de menores afectados, todos eles en idades comprendidas entre os 10 e 12 anos, residentes nas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, Madrid e Valencia.
Finalmente, as pescudas concluíron coa identificación e detención do presunto autor que resultou ser un varón de 24 anos, J.C.G., veciño de San Vicente de la Barquera (Cantabria), que sería detido o pasado día 3 nesta localidade cántabra.
No rexistro que se levou a cabo no domicilio do detido incautouse abundante material informático que se está a analizar e de cuxo resultado non se descarta o incremento do número de menores afectados. Na investigación localizáronse máis de 70.000 rexistros de comunicacións cun centenar de menores a través das redes sociais.
O detido foi posto a disposición do titular do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, que decretou a súa liberdade provisional con cargos e unha orde de afastamento dos centros e lugares de reunión de menores.
Relacionadas:
-
Xulgan un soldado da Brilat por colgar o teléfono da súa ex moza na web "Vecinitas Infraganti"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada