A Mancomunidade de Montes de Pontevedra reclama que a planta de compost se ubique en terreo industrial
Por Oskar Viéitez
A Mancomunidade de Montes acordou solicitar ao Concello de Pontevedra que a planta de compost que se pretende instalar no municipio se ubique en solo industrial, preferiblemente nalgún dos polígonos industriais existentes.
Considera a Mancomunidade de Montes que existe solo industrial "suficiente" para acomodar unhas instalacións das características da que se pretende e considera "innecesario e prexudicial a destrución de máis parcelas de solo de protección forestal que xa sufriron nos últimos anos unha importante diminución na súa extensión pola instalación de equipamentos e infraestruturas que afectaron grandemente á superficie de monte co que conta o municipio pontevedrés e deterioraron o cumprimento das súas funcións".
"Non hai razóns de peso" que aconsellen a instalación desta planta fóra do solo industrial
Entende a mancomunidade que "non hai razóns de peso" que aconsellen a instalación desta planta fóra do terreo actualmente xa establecido con solo industrial e cualifica como "errónea" a intención de buscar "terreo barato" para edificar en solo rústico unha planta industrial que "probablemente sexa ampliada no futuro con novas instalacións e desordenando así aínda máis o xa actualmente moi desordenado espazo do municipio pontevedrés, onde a mestura de terreos industriais e residenciais dificulta a convivencia entre veciños e empresas".
A Mancomunidade de Montes critica que sexa precisamente o Concello de Pontevedra o que alente este desorde e rexeita tamén a estratexia municipal de "subastar" a ubicación da planta ao mellor postor, "situando o funcionamento da planta no terreo do negocio privado e ligando así a situación da instalación a criterios económicos".
Este acordo foi tomado pola Asemblea Xeral sen menoscabo da autonomía de cada comunidade para utilizar os seus montes como decida a súa asemblea xeral, polo que o acordo non impide que poida haber comunidades que estean dispostas a negociar unha posible cesión de terreos.
Relacionadas:
-
Unha pregunta do PP a Lores no Pleno desencadea unha discusión entre o alcalde e Louro
Por Redacción |
-
Cespa amplía o seu contrato con Pontevedra ata 2017, á espera da pranta de compostaxe
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os comuneiros que acollan a planta de compostaxe deberán ceder, como mínimo, 20.000 metros cadrados
Por Alejandro Espiño |
-
Lores e Moreira votan xuntos a favor da planta de compostaxe e Louro abstense
Por Oskar Viéitez |