O 31 de xullo remata o prazo para solicitar axudas para a rehabilitación de fachadas
Por Redacción
A Xunta de Galicia mantén ata o 31 deste mes de xullo o prazo para solicitar axudas para a rehabilitación de fachadas e cubertas de vivendas unifamiliares e edificios de vivenda colectiva. O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, invita a que as persoas interesadas en solicitar estas liñas de subvención se acheguen ata a Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello de Pontevedra, situada na rúa Don Filiberto, fronte ao Teatro Principal.
As axudas van dirixidas á renovación de cubertas existentes de vivendas ou de edificios de vivenda colectiva e edificacións anexas por cuberta de tella cerámica. O custo subvencionable máximo será de 55 euros por metro cadrado de cuberta e a contía da axuda será do 30% dos custos totais subvencionables.
Tamén hai unha liña de axudas para cubertas de lousa destinadas a particulares ou comunidades de propietarios de vivendas. O custosubvencionable alcanza os 70 euros por metro cadrado de cuberta, a contía da subvención tamén será do 30% do total subvencionable.
Por último, a terceira liña de axudas van destinadas á rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivendas existentes. Neste caso, o custo máximo subvencionable é de 110 euros por metro cadrado en caso de fachadas pegadas de granito, de 140 euros no caso de fachadas trasventiladas con ese material e de 130 euros no caso de fachadas de perpiaño de granito. O máximo subvencionable será de 12.000 euros por vivenda unifamiliar illada ou 40.000 euros no caso de edificios de vivendas en bloque.
As solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 31 deste mes ou ata que rematen os fondos económicos consignados.