Catro acusados de tráfico de drogas aceptan un ano e nove meses de cárcere
Por Redacción
Catro homes acusados de vender cocaína e heroína aceptaron unha condena dun ano e nove meses de prisión tras recoñecerse autores dun delito contra a saúde pública.
A causa estaba sinalada para este martes día 8 na Sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra contra cinco procesados aínda que finalmente só chegaron a sentarse no banco catro xa que un deles, unha muller, xa faleceu.
O grupo pactou un acordo de conformidade coa Fiscalía aceptando unha rebaixa na condena. Inicialmente o Ministerio Público solicitara penas entre cinco e seis anos de prisión.
Algúns dos acusados recoñeceron que vendían a droga directamente aos consumidores e outros afirmaron ser os subministradores.
Ademais do ano e os nove meses de prisión para cada un deles, en virtude deste acordo José Antonio F.O. asumirá unha multa de 40.000 euros, José Manuel C.C. multa de 25.000 euros, José Antonio F.F. 1.000 euros e a Raúl F.B. non se lle impuxo multa ningunha.
Antes de declarar a firmeza da condena a presidenta do tribunal pontevedrés ordenou o comiso da droga e do diñeiro intervido pola Garda Civil.